Educando en desigualdade: charla-coloquio sobre os recurtes no ensino público na comarca do Ortegal

Share Button

altComo xa adiantamos, este sábado 23 de novembro ás seis e media da tarde (18:30 horas), no Local Social situado na planta baixa da Casa do Concello, terá lugar unha charla-coloquio a cargo de Antonio Álvarez Cisneros co título Educando en desigualdade: os recurtes no ensino público na comarca do Ortegal. O conferenciante (na foto que acompaña a esta entrada) é mestre no ensino público, Secretario de Educación da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE e membro de FETE-UGT.

A apertura do acto correrá a cargo de Ana Fachal, Secretaria Xeral da Agrupación Socialista de Cariño, e a continuación presentará ó ponente o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar, integrante asemade da dirección provincial. Trala intervención de Álvarez Cisneros, terá lugar un turno de intervencións aberto ó público.

Como xa avanzamos nunha entrada publicada nesta páxina o pasado 12 de maio, o conferenciante é autor dun estudo no que amosa que a comarca do Ortegal é, entre tódalas da provincia, a máis perxudicada polos recurtes da Xunta en Educación. Segundo a táboa que reproducimos na parte inferior, os centros da comarca acusan, no período comprendido entre 2009 e 2013, un descenso dos investimentos en funcionamento de 50.642 euros, que supoñen unha porcentaxe do 20’8 %. A seguinte comarca máis perxudicada é o interior coruñés, cun descenso de 16’1 %. As cifras da nosa comarca son particularmente graves se temos en conta que a media de recurte no gasto sitúase na nosa provincia no 10’75 %, o cal quere dicir que a porcentaxe do recurte do gasto educativo na comarca do Ortegal é practicamente o doble da media provincial. A elo temos que engadir que o IPC subíu un 9’4 % no período que estamos a considerar. Se atendemos en concreto ós datos relativos a Cariño, o gasto educativo experimentou un recurte de 3.267 euros en Infantil e Primaria e de 4.056 euros en Secundaria.

A primeira hora da tarde do sábado, antes da charla-coloquio, Álvarez Cisneros manterá unha reunión coas executivas socialistas da comarca para analizar a problemática educativa nos diferentes concellos e concretar posibles liñas de traballo.

Se che interesa a problemática educativa e vives nalgún dos concellos do Ortegal, non dubides en achegarte este sábado ó Local Social da Casa do Concello de Cariño, ás seis e media da tarde. Estaremos agradecid@s de contar coa túa asistencia.

   

alt

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.