Eleccións á Secretaría Xeral do PSOE: democratizar o partido para cambiar un país

Share Button

altA militancia socialista de toda España, 198.123 mulleres e homes, estamos chamad@s mañá ás urnas das nosas respectivas Agrupacións para decidir quén levará as rendas do noso partido nos vindeiros anos. É un proceso novidoso na historia do PSOE, moi importante para a nosa formación pero, sobre todo, con vocación de convertirse en trascendental para a maioría social deste país, para as moitísimas persoas que desexan unha alternativa política sólida e convincente, capaz de darlle a este país o futuro que necesita.

O proceso abríuse trala dimisión de Alfredo Pérez Rubalcaba a raíz dos negativos resultados colleitados nas pasadas eleccións ó Parlamento Europeo. Este feito, cunhas eleccións primarias á presidencia do goberno xa anunciadas, deu lugar a uns días de debate en torno á fórmula máis idónea para renovar o liderado do partido. Finalmente impúxose a fórmula que empregamos @s socialistas galeg@s para a elección do actual Secretario Xeral, José Ramón Gómez Besteiro: a militancia elexirá mediante voto directo en urna ó Secretario Xeral, que posteriormente será refrendado nun Congreso Extraordinario con delegad@s que terá lugar os días 26 e 27 de xullo en Madrid. Até agora eran @s delegad@s, elexid@s previamente nos congresos provinciais, @s que votaban ó Secretario Xeral nun congreso, polo que o papel da militancia tiña moita menos importancia.

Os candidatos que finalmente concorren ás eleccións internas de mañá filtráronse mediante un proceso de recollida de avais, no que cada aspirante a candidato debía obter como mínimo o aval dun 5 % do censo de militantes (unhas 10.000 sinaturas). Tres foron os compañeiros aspirantes que conseguiron superar esa cifra: Pedro Sánchez Pérez-Castejón, Eduardo Madina Muñoz e José Antonio Pérez Tapias. Os avais da militancia cariñesa dividíronse a partes iguais entre as opcións de Madina e Pérez Tapias.

Os tres candidatos veñen facendo dende hai semanas un importante esforzo, percorrendo agrupacións, recabando apoios, concedendo entrevistas nos medios, debatindo entre eles, etc. Seguramente había tempo que o debate de ideas no socialismo español non amosaba tanta capacidade para chegar á sociedade, para alimentarse da opinión da rúa.

Na Asamblea de mañá a militancia da Agrupación Socialista de Cariño escolleremos tamén ó compañeiro ou compañeira que nos representará como delegado no vindeiro Congreso Provincial, do que sairá a lista provincial para o Congreso Extraordinario en Madrid. Como é habitual, manterémoste informad@ de todo o proceso.

Vivimos tempos novos, tempos difíciles que reclaman novas formas de facer política. O noso partido está amosando a súa firme determinación de respostar a este reto a través do debate ideolóxico e dunha maior democratización das súas estructuras. Toda vez que os tres candidatos á Secretaría Xeral anunciaron xa a súa intención de manter o compromiso de celebrar primarias abertas á cidadanía para a elección d@ candidat@ á presidencia do goberno, cabe prever que este novo rumbo non ten marcha atrais. Agardamos que sirva para reconstruír a alternativa necesaria, a que está chamada a devolver a ilusión á cidadanía poñendo fin a tanto recurte e a tanto desemprego.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.