En lembranza de Pancho Pita Barge

Share Button

Hai textos que desexaríamos non ter que escribir nunca. O noso compañeiro Francisco Pita Barge, Pancho, faleceu a mañá do pasado venres 14 de setembro. Ese día perdemos a un loitador social incansable, íntegro e honesto; a un militante comprometido; a unha boa persoa; a un amigo. Estas liñas queren servirlle de modesta homenaxe.

O compromiso político e social de Pancho estivo marcado pola súa condición de víctima da dictadura franquista. Medrou sen pai, que tivo que fuxir no Arkale ós poucos días de producirse o alzamento, cando Pancho contaba tres meses. Co seu pai marcharon dous dos seus tíos. Os outros tres, Luis, Francisco e Antonio Pita Armada, foron asasinados polos criminais franquistas poucos días despois. O seu delito era ser membros do Sindicato de Industria Pesqueira, vinculado á CNT, e ter loitado pola mellora das condicións laborais das xentes de Cariño durante a IIª República. A historia da familia Pita ten sido estudada e narrada polos principais estudosos da República e do franquismo en Galicia (Eliseo Fernández, Xosé Manuel Suárez, Dionisio Pereira, etc.). José Pita, un dos tíos de Pancho, deixounos, poucos anos antes de morrer, o seu testemuño persoal no libro autobiográfico Historia de amor y tragedia. E o noso compañeiro estivo sempre a disposición dos investigadores que quixeron coñecer estes dramáticos sucesos, publicando ademais a súa visión persoal nas actas do I Congreso da Memoria, celebrado en Narón en decembro de 2003 (F. Pita Barge, “Traxedia e morte da familia Pita”, en A represión franquista en Galicia, Asoc. Cultural Memoria Histórica Democrática, 2005, páxs. 453-459).

Despois dunha infancia e xuventude difíciles, Pancho e a súa muller Carmiña marcharon a Francia en maio de 1967, un ano despois de casar. Voltaron en 1978 e abriron en Cariño o seu establecemento de panadería, ultramarinos e abascemento de barcos.

Xa naqueles anos Pancho comezou a colaborar no movemento asociativo, pero o paso definitivo no seu compromiso social prodúxose ó ingresar, nos anos 80, na directiva da Asociación de Veciños que naqueles anos estaba a traballar a prol da independencia municipal, baixo a presidencia do noso compañeiro José Luis Armada Castro. Acadada a segregación, Pancho pasou a formar parte da primeira Corporación municipal do Concello de Cariño e foi concelleiro durante catro lexislaturas (1988-2003). Afiliouse ó PSOE en xuño de 1988, partido ó que pertenceu ata este venres, ocupando, entre outros cargos, o de Secretario de Organización da Agrupación Socialista de Cariño.

O seu compromiso non rematou cando deixou o Concello. Seguíu militando activamente; creou, con outr@s veciñ@s, a Asociación O Faroleiro de maiores, xubilados e pensionistas, da que era Presidente; era tamén membro da Rondalla de Cariño; e nestes últimos anos estivo ademais sensibilizado e colaborou activamente coa causa do pobo saharaui.

En xullo do ano pasado os membros da Agrupación Socialista de Cariño celebramos un xantar de homenaxe a Pancho e entregámoslle un agasallo para expresarlle o noso recoñecemento. O seu falecemento deixa un valeiro entre tod@s nós, porque Pancho foi dos que loitan toda a vida, dos imprescindibles que dicía Bertolt Brecht.

O pasado sábado foi incinerado en Ferrol. Dende aquí queremos transmitirlle o pésame a súa muller Carmiña e ó resto da súa familia.

Fotos, de arriba a abaixo: 1) Pancho con Fernando González Laxe e Manuel Balado, daquela Presidente da Agrupación Socialista de Cariño, na presentación da candidatura ás municipais de 1999; 2) Pancho nunha pegada de carteis desa mesma campaña electoral; e 3) Pancho con membros do pobo saharaui. 

   

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.