En torno á ampliación do cemiterio: algunhas aclaracións

Share Button


Nos últimos días, a través da prensa e do programa de televisión España Directo, o cura párroco de Cariño vén facendo algunhas declaracións relativas á ampliación do cemiterio do noso pobo. Dende o Grupo Municipal Socialista, vémonos na obriga de expresar o seguinte:

 

1. Existen moitos días ó longo do ano para polemizar sobre cuestións municipais. Que o cura párroco decida facelo en plenas festas patronais parécenos unha falta de consideración a toda a sociedade cariñesa e unha actitude só explicable dende a mala fe e dende o seu xa ben coñecido activismo a prol dunha determinada orientación ideolóxica.

 

2. En ningún momento o párroco de Cariño acudíu ó Concello a comentar coa alcaldía as cuestións relativas á ampliación do cemiterio. Se tanto lle preocupa o tema, o lóxico é que, antes de difundilo nos medios de comunicación, concerte unha entrevista co máximo responsable municipal para enterarse da situación urbanística da parcela. O feito de non facelo así indica, unha vez máis, que existe unha evidente mala intención pola súa parte.

 

3. Chegados a este punto, cómpre facer constar que o párroco cariñés si considerou que debía pasar polo despacho da alcaldía, visiblemente alterado e cunha evidente falta de educación, para criticar que os axentes municipais o multasen por estacionamento incorrecto do seu vehículo. Polo que parece, esta persoa considera que debe ser obxecto dun trato especial e diferente ó de calquer cidadán. Unha multa de tráfico si é motivo para dirixirse ó despacho da alcaldía; semella que a ampliación do cemiterio non lle preocupa tanto.

 

4. A calificación urbanística da parcela onde o párroco cariñés pretende levar a cabo a ampliación do cemiterio foi establecida no planeamento urbanístico aprobado no ano 2000, durante o mandato do PP e cos votos en contra do noso partido. Esta calificación urbanística impide a día de hoxe construir nesa parcela, salvo que se produza unha modificación puntual do planeamento. O párroco cariñés tivo, ó longo de todos estes anos, ocasión de alegar contra esa calificación urbanística ou de solicitar a devandita modificación puntual do planeamento. A día de hoxe, aínda non o fixo. Polo tanto, carece de sentido que acuse ós demais da súa incompetencia e despreocupación.

 

5. Parécenos un auténtico exceso que se recurra a un programa televisivo de difusión nacional como é España Directo para un asunto destas características, tentando transmitir unha sensación de alarma e anormalidade que, dende logo, non se corresponde coa realidade do noso Concello. Somos conscentes de que á inmensa maioría da cidadanía cariñesa preocúpanlle a imaxe e a proxección exterior de Cariño. Polo que parece, non é o caso do párroco cariñés.

 

Para rematar, dicir que, como é habitual, estamos á disposición de toda a cidadanía cariñesa -incluido o cura párroco- para clarexar e resolver, dentro das nosas competencias, este e outros asuntos. A nosa vontade de entendemento e colaboración está demostrada ó longo de moitos anos de traballo político. Lamentablemente, o párroco cariñés non pode dicir o mesmo, pois son ben coñecidos os seus excesos verbais e activismo en contra do actual goberno municipal.

 
Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.