Exposición sobre Ben-Cho-Shey, mestre de Cariño, no Museo Provincial de Lugo

Share Button

O 7 de decembro de 2011 publicamos nesta web unha entrada que levaba por título Coñecer o noso: Ben-Cho-Shey, mestre en Cariño. Nela lembrabamos que este insigne galeguista, chamado Xosé Ramón Fernández-Oxea e alcumado Ben-Cho-Shey (a quen podes ver na foto, xa entrado en anos), foi mestre en Cariño mediados os anos 20 do pasado século. Temos pendente a publicación doutras dúas entradas adicadas á súa figura e ós textos que escribíu relacionados coa súa etapa de mestre no noso pobo. Agardamos facelo en breve.

O Museo Provincial de Lugo inaugurou hoxe unha exposición titulada Ben-Cho-Shey, 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968), que estará aberta ó público ata o 20 de maio deste 2013 na Sala de Exposicións do citado museo (entrada gratuita).

Este mestre e polifacético investigador residíu en Lugo durante dous intensos anos; chegou en 1935, tras aprobar as oposicións de inspector de ensino, e marchou no verán de 1937, destinado forzosamente a Cáceres tralo correspondente expediente de depuración. Segundo informan os organizadores: O Ano Ben-Cho-Shey é unha aposta da Área de Cultura da Deputación de Lugo pola recuperación da memoria histórica que servirá para facer un percorrido pola actividade política e cultural de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, especialmente entre os anos 1935-1937, nos que residiu en Lugo. As actividades encadradas no Ano Ben-Cho-Shey véñense desenvolvendo dende o mes de xuño do ano 2012 e terán continuidade ao longo do primeiro semestre do 2013, coincidindo co 75 aniversario do seu desterro a Estremadura dende a cidade de Lugo”. A mostra estructúrase en catro apartados que presentan múltiples fotografías e ilustracións, destacan as distintas vertentes do seu labor como polígrafo, lembran a constitución e consolidación do Partido Galeguista en Lugo (1931-1936) e fan un repaso pola sociedade e a cultura na devandita cidade durante os 50 anos claves na traxectoria vital do noso autor. A maior parte da documentación exposta foi cedida pola Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense, que conserva o Arquivo Ben-Cho-Shey.

Se vives en Lugo ou tes ocasión de achegarte á cidade, non deixes de visitar a exposición. Seguro que paga a pena. Tamén podes consultar o blog creado con motivo deste evento, que nesta entrada cita brevemente a etapa do mestre en Cariño:

http://benchoshey.wordpress.com/2013/02/14/os-anos-lugueses-de-ben-cho-shey

Actualización (15-02-2013): La Voz de Galicia de hoxe publica unha fotografía do panel adicado á súa etapa de mestre en Cariño.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ocioycultura/2013/02/15/museo-lugo-reivindica-ao-ben-cho-shey-mais-comprometido/0003_201302G15P38994.htm   

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.