Facendo balance: un ano de traballo intenso (2013)

Share Button

altEste ano que remata foi un ano difícil. Foi un ano difícil para o socialismo, pero, sobre todo, foi un ano difícil para moitísimas persoas que padecen as consecuencias desta crise sistémica en todo o mundo, en España, en Galicia, en Cariño. Por esta razón só cabe desexar que o ano 2014 sexa mellor, aínda que tamén é certo que as cousas –e especialmente as causas sociais- rara vez melloran soas. O que teña de mellor o 2014 será froito, en boa medida, dos esforzos das miles de persoas honestas, xenerosas e traballadoras que habitan este mundo e pelexan día a día para transformalo nunha dirección máis xusta e igualitaria.

Neste contexto de grandes dificultades traballou este ano 2013 a Agrupación Socialista de Cariño. Foi un ano intenso e laborioso, no que a militancia arrimou o ombro para sacar adiante variadas iniciativas e para (re)construir o proxecto socialista.

Nesta entrada imos facer balance do traballo realizado ó longo de 2013. Comezamos polos actos públicos:

Presentación do número 33 da revista Razón Socialista. Tivo lugar o sábado 12 de xaneiro ás seis da tarde no local da Agrupación Socialista de Cariño. Contou coas intervencións de José Miguel Alonso Pumar, Enrique Barrera, Manuel Cendán e José Torregrosa.

Acto conmemorativo do 25 aniversario da Segregación. Celebrouse o sábado 2 de marzo ás seis da tarde no Auditorio Municipal. Iniciouse coas intervencións de Ana Fachal e José Luis Armada Castro e posteriormente entregamos un recoñecemento ás persoas que integraban a directiva da Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño no momento de producirse a Segregación. A música, en dous momentos diferentes do acto, correu a cargo de Mónica Pita, Ana Yáñez, Andrés Piñeiro, Alberto Piñeiro, Alberto Iglesias, Miguel Alonso, Álvaro Ramil e Juan Manuel Garrote. O conductor da xornada foi o xornalista cariñés Antón Luaces Teixido.

Presentación da novela Winnipeg. Celebrouse o sábado 30 de marzo ás seis da tarde no Local Social da Casa do Concello. Contou coas intervencións de Lois Armada Pita, Emilio Grandío e Hixinio Puentes, autor da novela. O acto organizouse en colaboración coa Asociación O Faroleiro, Edicións Xerais e o Concello de Cariño.

Educando en desigualdade: os recurtes no ensino público na comarca do Ortegal. Charla-coloquio impartida por Antonio Álvarez Cisneros o sábado 23 de novembro ás seis e media da tarde no Local Social da Casa do Concello.

Presentación do libro Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos. Tivo lugar o sábado 7 de decembro ás seis e media da tarde no Local Social da Casa do Concello. As intervencións correron a cargo de Pepe Riola, Lois Armada Pita e Narciso Luaces Pardo, autor do libro. O acto organizouse en colaboración coa Asociación O Faroleiro e o Concello de Cariño.

Entre os eventos que organizamos contábase tamén unha mesa redonda que levaba por título Os Concellos como motor de desenvolvemento e que ía ter lugar o sábado 1 de xuño, pero foi cancelada por circunstancias alleas á nosa Agrupación. Esta mesa redonda era unha das iniciativas vencelladas á conmemoración do 25 aniversario da Segregación.

A participación directa na política municipal canalizouse a través dos concelleiros que integran o Grupo Municipal Socialista. Vén de publicarse recentemente o número 11 do Boletín de Información Municipal, que está sendo distribuído estes días e ofrece unha visión panorámica do acontecido ó longo da presente lexislatura.

Esta páxina web servíu tamén para informar á cidadanía e expor a nosa posición sobre diversos aspectos da actualidade municipal. Esta entrada fai a número 65 das publicadas este ano; dentro duns días publicaremos unha nova entrada coas estatísticas e cifras desta web en 2013. Mantivemos, ademais, unha actividade diaria no noso perfil de Facebook.

O 2013 foi tamén un ano de actividade orgánica e organizativa. O sábado 9 de marzo @s militantes das agrupacións socialistas do Ortegal xuntámonos no Auditorio Municipal de Cariño para elexir, mediante o voto directo de cada afiliad@, ó coordinador comarcal do partido. A responsabilidade recaeu en José Carlos García Vilameá, concelleiro en Mañón, onde exerce como médico na sanidade pública. Era a primeira vez que este posto se elexía mediante o voto directo da militancia.

Tamén o voto da militancia servíu –novamente por vez primeira- para elexir ó actual Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. As primarias tiveron lugar o 7 de setembro e a militancia de toda Galicia foi convocada ás urnas das súas respectivas agrupacións. Os candidatos en liza, Gómez Besteiro e Manel Vázquez, achegáronse en datas previas á comarca do Ortegal para presentar as súas propostas, ó igual que Iván Puentes, voceiro da corrente de opinión Novo Socialismo; estes tres encontros contaron coa participación de militantes de Cariño. O resultado das primarias foi refrendado nun Congreso Extraordinario que tivo lugar o domingo 29 de setembro en Santiago de Compostela, ó que tamén asistíu unha representación da nosa Agrupación.

No plano orgánico cabe referirse asemade á Conferencia Política que o partido celebrou en Madrid entre os días 8 e 10 de novembro, destinada a facer unha intensa actualización e redefinición do proxecto político socialista.

No ano 2013 a esquerda política, sindical e social –a nivel comarcal, estatal e internacional- perdeu a referentes significativos. Pedindo desculpas polas omisións que poidamos cometer, queremos lembrar aquí os nomes de Victoria Fernández Paredes, Francisco González Vidal (Paco Balón), Melchor Roel, José Luis Muruzábal, Anxo Guerreiro, José Luis Sampedro, Stéphane Hessel e Nelson Mandela. Outros pasamentos que lamentamos este ano foron os do Catedrático de Dereito Administrativo Eduardo García de Enterría, cuxo gabinete xurídico asesorou o proceso de Segregación, e o do historiador Julio Aróstegui, que nos deixou case ó mesmo tempo que saía da imprenta a súa monumental biografía do dirixente socialista Francisco Largo Caballero (Largo Caballero. El tesón y la quimera, Debate, 2013). Entre os pasamentos que tiveron lugar en 2013 queremos ter tamén un recordo para as víctimas do tráxico accidente ferroviario de Angrois na víspera do día do Apóstolo.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.