García Vilameá, reelexido coordinador comarcal do PSdeG-PSOE no Ortegal

Share Button

Hoxe é 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, que se celebra nesta data en lembranza de Daniel Niebla e Amador Rey, os dous traballadores que foron asasinados en Ferrol, en 1972, a mans da policía franquista. Varias manifestacións tiveron lugar ó longo da xornada en diversas cidades e vilas galegas. Lembrar e celebrar esta data, cun enfoque reivindicativo, ten plena vixencia nos tempos que corren, nos que os dereitos das xentes traballadoras e os bens comúns están sendo expoliados de maneira escandalosa.

Nestes tempos a esquerda necesita mellorar a súa capacidade organizativa e ser capaz de ofrecer a alternativa sólida que a sociedade demanda. Onte a militancia socialista da comarca de Ortegal reuníuse no Auditorio Municipal de Cariño para elexir mediante votación directa en urna –un/unha militante, un voto– ó coordinador comarcal do partido. A designación desta figura, que ten entre os seus cometidos canalizar as relacións coa Executiva Provincial e coordinar as campañas electorais, podería terse realizado por outras vías –designación directa da Executiva Provincial, acordo d@s secretari@s xerais…-, pero semella que a democratización do partido vaise abrindo camiño e por primeira vez @s coordinadores/as comarcais foron elexid@s directamente pola militancia nas diversas comarcas da nosa provincia.

Algúns dos principais detalles deste proceso determináronse nunha reunión celebrada en Cerdido a finais do mes de febreiro, na que estiveron presentes @s secretari@s xerais das agrupacións da comarca e o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar, designado pola Executiva Provincial para coordinar o proceso. Nesa reunión decidíuse que Cariño fose a sede do encontro comarcal.

Así pois, onte xuntámonos no Auditorio Municipal a militancia de Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón e Ortigueira, para votar a única candidatura presentada, a de José Carlos García Vilameá. A pesar da meteoroloxía adversa, e do menor aliciente que supoñía contar cunha única candidatura, comprácenos sinalar que a votación comarcal celebrada en Cariño foi a que rexistrou a maior porcentaxe de participación de toda a provincia, votando o 41 % da militancia. A candidatura de García Vilameá resultou elexida cun 87’8 % dos votos a favor; o resto foron votos en branco.

No discurso de presentación da súa candidatura, García Vilameá, que vén exercendo o cargo dende hai anos, subliñou algunhas das súas intencións para esta nova etapa, como a de seguir fomentando as boas relacións entre as distintas agrupacións da comarca, o respecto escrupuloso á autonomía de cada unha delas, ou o seu obxectivo de acadar uns resultados favorables nas citas electorais que están por vir. García Vilameá vén sendo responsable do partido na comarca do Ortegal –coordinador comarcal ou Secretario Xeral da comarca, dependendo do modelo organizativo vixente en cada momento- dende o ano 2001. É médico do SERGAS no Concello de Mañón, onde exerce tamén de voceiro do Grupo Municipal Socialista e de Secretario Xeral da Agrupación.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.