Gravísima agresión ó patrimonio galego: rouban o Códice Calixtino

Share Button

Preocupad@s sempre pola actualidade, non podemos deixar de comentar aquí este feito. O Códice Calixtino, xoia bibliográfica de importancia mundial e emblema da nosa cultura, foi roubado do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela. Este gravísimo feito prodúxose entre o xoves/venres da pasada semana –cando foi visto no seu sitio polo arquiveiro responsable- e o martes, cando foi detectada a desaparición deste manuscrito do século XII, cuia reproducción podes ver na imaxe.

Non dicimos ningunha novidade se postulamos que as prioridades deben centrarse agora en dúas direccións. En primeiro lugar, recuperar o Códice, tarefa que está en mans das forzas de seguridade, que contan con persoal altamente especializado para enfrontarse a estes delitos contra o patrimonio. Seguramente non será fácil, pero non perdamos a esperanza. En segundo lugar, é obrigado reforzar as medidas de seguridade para que non volte a suceder un feito deste tipo. Existe práctica unanimidade en recoñecer que o xeito de custodiar esta xoia era manifestamente mellorable. O Cabildo da Catedral debe abrir unha profunda reflexión ó respecto, pero tamén a Xunta de Galicia, que ten transferidas as competencias en materia de protección e xestión do patrimonio cultural.

Pola nosa parte, temos que lamentar enormemente este roubo e desexar que axiñe volte a formar parte do legado cultural da sociedade galega.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.