Homenaxe a Cariño López: discurso da Alcaldía

Share Button

 

A homenaxe a Ángel Rodríguez Leira, Cariño López, tivo lugar onte, nunha xornada completa que arrancou ás 12 da mañá cunha recepción no Concello e un discurso do noso Alcalde no Salón de Plenos. A continuación, procedeuse ó descubrimento da placa conmemorativa no Paseo Marítimo, seguido dun xantar de confraternidade no restaurante O Garampín. Pola tarde, na Casa de Cultura, tivo lugar a charla-coloquio na que varios especialistas falaron da vida do homenaxeado. Foi unha xornada entrañable e intensa.

 

Por se resulta do teu interese, ofrecémoste a continuación o discurso que o noso Alcalde, José Luis Armada, pronunciou no Salón de Plenos, na apertura da xornada:

 

 

 

Queridos amigos e amigas, veciñas e veciños:

 

Antes de nada quero darvos as gracias por estar hoxe aquí, neste acto de homenaxe que o Concello de Cariño, en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, rinde a uns cariñeses ilustres, de cuia vida e feitos estamos a coñecer paseniñamente novos detalles.

 

Tanto a institución municipal como a cidadanía cariñesa, temos a obriga moral de expresar o noso recoñecemento público a aquelas persoas que loitaron pola liberdade en tempos moi difíciles do noso pasado contemporáneo. A historia da compañía “A Nove”, que entrou en París en agosto de 1944 despois de tres anos de ocupación nazi, ten sido obxecto de atención en libros, nos principais xornais do noso país e recentemente tamén nun documental. Tendo en conta a participación de Ángel Rodríguez Leira e de polo menos outro veciño cariñés na mentada compañía, o noso pobo estaba obrigado a facer a súa particular homenaxe.

 

Non me corresponde a mín falar sobre a vida e os feitos destas persoas. Afortunadamente, contamos aquí con varios expertos na cuestión -ós que agradezo a súa presencia- que intervirán na charla coloquio que se celebra hoxe, a partir das seis da tarde, na Casa de Cultura.

 

Sen embargo, non quero deixar de apuntar un segundo motivo que explica a celebración desta homenaxe, que non é outro que o sólido compromiso deste Concello co coñecemento da nosa realidade local. Unha realidade apaixoante dende o punto de vista histórico, patrimonial, xeolóxico, paisaxístico, etc. Cremos firmemente na función liberadora do coñecemento e, moitas veces, non hai coñecemento máis estimulante que o das cousas locales. Un tipo de saber que, por outro lado, é esencial para construir un futuro mellor.

 

Por esta razón colaboramos de xeito proactivo na producción e na divulgación do coñecemento, e en particular do referido ás cousas do noso Concello. Isto explica que fósemos un dos concellos patrocinadores do Congreso da Memoria, celebrado en Narón en decembro de 2003. Que levemos xa organizadas tres edicións das Xornadas de Patrimonio e Desenvolvemento Local. Que manteñamos colaboración asidua con xeólogos de prestixio mundial; colaboración da que, por certo, axiña veremos novos froitos. Ou que organicemos excursións ornitolóxicas no Aula do Mar, nas que participan especialistas europeos de fama internacional.  

 

Sabemos que temos aínda moito traballo por diante. Que aínda nos faltan moitas cousas por coñecer, moito coñecemento por divulgar e moitas homenaxes por facer. Pero coa de hoxe, temos a satisfacción de ter dado outro paso adiante.

 

 

Moitas gracias.

 

 

Tanto Diario de Ferrol como La Voz de Galicia recollen hoxe a crónica desta homenaxe. Podes consultar o tratamento deste último medio nestes enderezos:

 

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2010/05/23/0003_8501343.htm

 

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2010/05/23/0003_8501344.htm

 

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2010/05/23/0003_8501346.htm

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.