Inauguración Distrito Marítimo: discurso da Alcaldía

Share Button

Como vimos informando nos últimos días, onte tivo lugar a inauguración da nova sede do Distrito Marítimo de Cariño, un edificio construido polo Ministerio de Fomento que dirixe o socialista José Blanco.

Reproducimos, por se é do teu interese, o discurso pronunciado onte polo Alcalde de Cariño, José Luis Armada, durante o acto de inauguración:

 

Excmo. Secretario General de Transportes, Excma. Directora General de Marina Mercante, autoridades, señoras e señores.

 

É para mín un honor darlles a benvida ó Concello de Cariño para asistir a un acto de tanta relevancia e transcendencia para todos nós como é a inauguración desta nova sede do Distrito Marítimo de Cariño.

Son moitas e importantes as competencias que teñen atribuidas por Lei as Capitanías Marítimas e os Distritos Marítimos en todo o relacionado co control do tráfico marítimo, a navegación e a protección do Medio Ambiente mariño.

 

Nun concello como o de Cariño, no que a súa principal fonte de riqueza estivo sempre ligada ó mar, a inauguración deste edificio cobra especial relevancia, ó facilitar ós  profesionais da pesca en particular e á cidadanía en xeral a posibilidade de axilizar os trámites administrativos para o despacho das súas embarcacións sen necesidade de desprazarse fora do Concello.

 

Non sempre estivo próxima á cidadanía cariñesa esta administración imprescindible para o mundo do mar. Aínda mantemos na memoria colectiva o recordo daqueles desprazamentos de 40 Km. para despachar as embarcacións antes de saír a faenar.

 

Tamén procede mentar neste acto o esforzo do Ministerio de Fomento a través dos seus distintos departamentos na mellora da seguridade marítima que tanto contribuíu a reducir a sinistralidade nos nosos mares.

 

 Hoxe é un día importante para Cariño por todo o que supón de mellora para nós esta importante infraestructura do Distrimo Marítimo, e máxime neste momento, cando o noso porto está sufrindo un considerable incremento de trafico marítimo nacional e internacional, producido polo transporte de mercadorías das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Por último, quero destacar a importancia que ten achegar a administración ó administrado. E, non en menor medida, a importancia da cooperación que debemos manter entre as distintas administracións do Estado.

Por todas estas razóns, dende aquí, como non podería ser doutra forma, quero expresar o meu compromiso e a máxima colaboración da institución municipal que represento co Capitán marítimo de Ferrol e o Xefe deste Distrito Marítimo de Cariño.

Gracias, e bos días a todas e todos.

 

A nova do acto aparece hoxe recollida nos xornais Diario de Ferrol e La Voz de Galicia, ós que pertencen as fotografías que reproducimos nesta entrada. Podes acceder a ambas novas aquí:

 

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2011/02/19/0003_201102F19C11991.htm

http://www.diariodeferrol.com/index.php/periodico-impreso/comarcas/15467-noemi-ferrol

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.