Inauguración oficial da senda de Basteira-Mazanteu

Share Button

Esta tarde tivo lugar a inauguración oficial da senda peatonal de Basteira-Mazanteu, cuias obras, froito da colaboración entre a Demarcación de Costas e o Concello de Cariño, remataron recentemente.

 

O noso Alcalde, José Luis Armada, estivo acompañado no acto por distintos cargos públicos, entre os que cabe mentar o Secretario Xeral do Mar, Juan Carlos Martín Fragueiro; o Xefe da Demarcación de Costas, Rafael Eimil; o Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; ou o Alcalde de Cedeira, José Luis Vergara.

 

A senda peatonal permite acceder dende a praia da Basteira ate a beira do ceminterio parroquial da Pedra, onde conecta coa pista que rodea o Mazanteu e conduce á praia de Fornos. Trátase dun agradable percorrido, que recupera un antigo camiño e que permite desfrutar de fermosas vistas do pobo e dos seus areais. Un panel explicativo ilustra ós usuarios con información de interese.

 

Esta nova senda reforza a colaboración entre a Demarcación de Costas e o noso Concello, que conta con antecedentes salientables como a senda peatonal a San Xiao do Trebo. Outras actuacións na mesma liña serán realidade nun futuro próximo. Con elas, incidimos en varias frontes ó mesmo tempo, como o fomento dos hábitos saudables, a rexeneración e/ou protección de espacios naturais ou a formación e sensibilización acerca do noso patrimonio natural e cultural. Tendo en conta o número de persoas que as frecuentan, as sendas son, sen dúbida, un acerto.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.