¿Por qué é un erro cancelar este verán a programación do Artal?

Share Button

 

O pasado martes Diario de Ferrol publicou unha noticia sobre a decisión do goberno municipal cariñés de atracar o Artal, cancelando o calendario de saídas deste verán. A razón é, supostamente, o elevado custe de mantenemento. Dende o noso punto de vista, tomar esta decisión neste preciso momento é un erro e carece de xustificación. Imos explicar aquí as razóns.

A día de hoxe, tódolos gastos necesarios para a campaña deste verán están realizados. O barco ten o seu mantenemento a punto, tódalas revisións pertinentes superadas e o depósito cheo de combustible. Dos tres membros da tripulación, o que fai as veces de mariñeiro é un traballador municipal con contrato indefinido, que exerce tarefas múltiples; o monitor ten contrato vixente ata despois do verán; e para a contratación do patrón o Concello ten unha subvención ó 100 % procedente da Consellería de Traballo e con carácter finalista, polo que terá que devolverse se non se emprega para esta contratación. Así as cousas, non poden argüirse razóns económicas para amarrar a Aula do Mar durante este verán.

É máis, o Concello deixará de recadar os ingresos que se obterían durante esta campaña de verán, que poderían acadar os 18.000 euros. Temos a man, por exemplo, as estatísticas da campaña de verán de 2009, na cal un total de 1.273 tripulantes subiron ó Artal (133 en xuño, 388 en xullo, 653 en agosto e 99 en setembro). A título informativo, os prezos da viaxe para un adulto viñan sendo de 10 euros en horario de mañá (Cabo Ortegal) e de 20 euros en horario de tarde (Herbeira e S. Andrés); para @s nen@s, a metade (5 e 10 euros respectivamente).

Podemos tamén facer un pequeno exercicio cuantitativo sobre o diñeiro que a hostalería cariñesa deixará de ingresar. Dende hai uns anos, a programación do Artal inclúe unha serie de saídas ornitolóxicas para a observación de aves. Como o Ortegal é un lugar de importancia mundial para a observación de aves mariñas, as reservas esgótanse ás poucas horas de anunciarse nas webs especializadas. Para a campaña deste verán, e como se resume na web do Concello nunha nota informativa do 10 de xuño, as reservas estaban xa esgotadas naquelas datas. En concreto, 200 tripulantes nos que se incluían algúns dos máis prestixiosos ornitólogos do mundo, procedentes de países como o Reino Unido, e afeccionados procedentes de toda a xeografía española. A listaxe de reservas obrigaba a unha ampliación do calendario de saídas e facía prever que a cifra final –só para as saídas ornitolóxicas- rondaría os 280 tripulantes.

Son 280 persoas que, ó longo destas datas, ían vir a Cariño ex profeso, consumindo aloxamento, manutención, etc. Se estimamos que cada persoa consume en Cariño unha media de 100 euros (entre aloxamento, comidas e/ou ceas, consumo nos bares, etc.), podemos concluir que o tecido socioeconómico do noso Concello deixará de ingresar 28.000 euros. Obviamente, é un mero exercicio estimativo. Poderá discutirse que non tódolos tripulantes quedarán a durmir, que algún pode repetir…, pero tamén é certo que non estamos computando a moitos outros usuarios que virán ó Artal en datas distintas ás saídas ornitolóxicas.

Existen, en fin, outros beneficios que son moito máis difíciles de computar, ou que deberán avaliarse a longo prazo. A Aula do Mar permitíu a Cariño aparecer a páxina completa no suplemento El Viajero, do xornal El País, e en moitos outros medios de difusión nacional e internacional. Por certo, no que atinxe á súa proxección exterior, o Concello de Cariño vén de dar unha pésima imaxe ante as 200 persoas que xa tiñan confirmada a reserva para as saídas ornitolóxicas e, en consecuencia, organizado en maior ou menor medida o seu desprazamento.

Queremos deixar claro que o goberno municipal está no seu dereito a decidir sobre a continuidade deste proxecto, sempre que conte co apoio da maioría dos votos da corporación. Sen embargo, cremos que o lóxico sería que o fixese a partir de setembro, unha vez concluida a campaña deste verán e aproveitados os seus beneficios. Así pois, o goberno municipal débelle á cidadanía unha explicación convincente e argumentada das razóns polas que suspendeu a actividade do Artal durante este verán.

Por último, o feito de que os membros do Grupo Municipal Socialista nos enteremos desta decisión pola prensa pon de manifesto, unha vez máis, que a política de portas abertas, transparencia e participación predicada polo BNG dende o inicio da campaña electoral segue sendo, a día de hoxe, mera propaganda.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.