¿Queres colaborar con nós?

Share Button

Na Agrupación Socialista de Cariño levamos xa algún tempo abrindo novas liñas de traballo. Entre elas atópase, por exemplo, a de achegar novas opcións á vida sociocultural de Cariño e das parroquias do seu Concello; así, ó longo do último ano organizamos ou co-organizamos a presentación dos libros O latexo da vida e da conciencia de Rafael Pillado e Winnipeg de Hixinio Puentes, a presentación do número 33 da revista Razón Socialista ou o primeiro dos actos en conmemoración do 25 aniversario da Segregación. Novas iniciativas deste tipo serán anunciadas proximamente.

Outra liña de traballo que pretendemos desenvolver de maneira decidida nos vindeiros meses consiste na ampliación e activación da nosa base social e na exploración de novas vías de colaboración coa cidadanía. En concreto, estamos interesad@s en ampliar o número de militantes, implementar a figura d@ simpatizante, crear e manter unha lista de distribución de correo, e encauzar a nivel político as inquedanzas e demandas que nos traslade a cidadanía. Estas catro vías de colaboración, que logo explicaremos, adáptanse ós distintos graos de afinidade e compromiso que desexes manter co noso proxecto. Ti escolles.

En calquera caso, cremos que a túa colaboración é importante por varios motivos. A nivel municipal, a nosa prioridade é (re)construir sen presa pero sen pausa o proxecto político que Cariño necesita. Non queremos ocultar que as eleccións municipais de 2015 son unha cita decisiva, pero o noso proxecto trascende unha vocación meramente electoralista. No contexto no que nos atopamos, é máis importante que nunca crear propostas innovadoras, apostar por un municipalismo sostible e, sobre todo, conseguir que o Concello sexa un actor principal de dinamización socioeconómica e laboral. Pero esto non se consigue dun día para outro, por arte de maxia. É preciso coñecer ata o máis mínimo detalle a realidade de Cariño e das súas parroquias, intercambiar experiencias alén das nosas fronteiras municipais, estudar opcións de financiamento e alianzas estratéxicas, etc. Nesta liña estamos a traballar, pero ti podes prestar unha colaboración importante nesta tarefa.

Tamén a túa colaboración pode servirnos para ser máis eficaces no día a día da actividade municipal. Non é posible estar en todas partes, nin coñecer polo miúdo tódalas problemáticas, polo que a información cidadá resulta na actualidade fundamental para orientar o noso traballo no Concello, para trasladar queixas e demandas que non son atendidas satisfactoriamente, ou para promover ideas e iniciativas que podan ser tratadas en Pleno e eventualmente aprobadas pola Corporación.

Algunhas das modalidades de colaboración que propoñemos tamén poden permitirche, en maior ou menor medida, participar da vida orgánica do partido a escala supramunicipal, é dicir, nos niveis provincial, autonómico e estatal. O noso país vive un momento moi crítico e temos a percepción de que a xente está agardando por un proxecto político que cambie radicalmente as cousas, que protexa á maioría social dos abusos bochornosos que día a día cometen as grandes oligarquías económicas e que rexenere en profundidade a política española e galega. É de xustiza recoñecer que o noso partido cometeu erros; por outro lado, o sentir que temos na Executiva local é que os cambios que se precisan no partido, especialmente a nivel autonómico e estatal, non se están a realizar coa suficiente rapidez e profundidade. Estamos convencidos de que o papel das bases, das agrupacións locais, é fundamental para a rexeneración do proxecto socialista. Novas formas de participación, como a elección d@ Secretari@ Xeral mediante o voto directo da militancia, están abríndose camiño.

Por todo o exposto, os catro principais modelos de colaboración que contemplamos, dependendo do grao de compromiso que queiras acadar, son os seguintes:

Militante. As persoas que están afiliadas ou militan no partido desfrutan do dereito a participar en tódolos procesos orgánicos que teñen lugar no mesmo (asambleas, congresos, eleccións primarias, etc.) e a implicarse na súa vida cotiá. Tal como se explica na web do partido: Los militantes son el principal activo que tenemos en el Partido Socialista. Los afiliados y las afiliadas al PSOE, con su compromiso y su participación –de forma directa o por delegación- en la toma de decisiones, contribuimos a definir el Proyecto Socialista. Si quieres asistir con voz y voto en las reuniones y asambleas, decidir en la elaboración de los programas electorales, en la vida interna del partido y la elección de candidatos y candidatas, tanto para procesos electorales internos como externos, si quieres comprometerte y trabajar por las ideas socialistas, afíliate”.

Simpatizante. A figura de simpatizante está pensada para aquelas persoas que, sentíndose próximas ó partido, desexan contraer un compromiso inferior ó da militancia: Si te sientes próximo a los valores y contenidos programáticos que representamos los socialistas; si quieres que te escuchemos, estar informado y opinar; si quieres colaborar con el proyecto socialista, participar en la política y en la vida del partido, pero a tu manera, sin el compromiso del afiliado o la afiliada, apúntate como simpatizante (…). Para adquirir la condición de simpatizante los únicos requisitos que se precisan son mantener una voluntad activa de colaboración e inscribirse voluntariamente en un registro del correspondiente ámbito orgánico para recibir información de actividades, reuniones, etc.”.

Membro da lista de correo. Se o que queres é unicamente recibir información na túa conta de correo electrónico, envíanos un email solicitando que te agreguemos á nosa lista de correo. Calquera que sexa o teu sentir político ou o teu grao de afinidade co noso proxecto, podes recibir un aviso cada vez que publiquemos unha entrada nesta páxina web, así como outra información relevante. A composición da lista é confidencial e, se decides deixar de formar parte dela, unicamente terás que enviarnos unha mensaxe solicitando a túa baixa. Tamén podes solicitarnos amizade en Facebook (Psoe Cariño); no noso muro colgamos enlaces á maior parte das entradas que publicamos nesta web.

Envío puntual de ideas ou suxerencias. Non dubides en enviarnos calquer idea, queixa, pregunta ou suxerencia que estimes oportuna. A túa opinión interésanos.

Se desexas colaborar de calquera destas maneiras, envíanos un email a psoecarino@yahoo.es; con nós podes seguir construíndo un mundo mellor.

     

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.