José Miguel Alonso Pumar, novo Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Cariño

Share Button

altEste sábado 22 de febreiro a Agrupación Socialista de Cariño celebrou unha Asemblea Extraordinaria para elexir á súa nova Executiva Local, que está liderada polo noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar na súa condición de Secretario Xeral.

Alonso Pumar substitúe nesta responsabilidade a Ana Fachal, que por razóns estrictamente persoais expresara o seu desexo de deixar a Secretaría Xeral para seguir colaborando coa Agrupación dende unha responsabilidade menor; Ana segue formando parte da nova Executiva, agora como Secretaria de Desenvolvemento Local, Emprego e Patrimonio Natural. Dende o momento que anunciou a súa decisión, Ana recibíu o apoio e o recoñecemento unánime d@s compañeir@s da Agrupación.

O novo Secretario Xeral, José Miguel Alonso Pumar, cariñés nado en 1976, é Licenciado en Psicoloxía pola USC, Máster en Residencias e Atención ás Persoas Maiores pola UDC e Postgrao como Experto en Xerontoloxía Social pola UDC; ten cursado estudos de Doutoramento nun Programa Europeo (con mención de calidade europea) entre as Universidades de Wüzburg (Alemaña), UNED e Estocolmo (Suecia). No ámbito laboral, ten traballado no eido dos servizos sociais e do medio ambiente nos Concellos de Cariño e Riotorto, así como na empresa privada, onde exerce actualmente. É socio da Sociedad Española de Ornitología (SEO/Birdlife), socio-fundador da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e autor de diversas ponencias e artigos en congresos e revistas ornitolóxicas nacionais e internacionais. Por último, no ámbito político é Secretario de Medio Ambiente da Executiva Provincial e Membro do Comité Nacional Galego do PSdeG-PSOE. Na anterior Executiva Local ocupaba a Secretaría de Desenvolvemento Local e Medio Ambiente.

A nova Executiva Local, que foi apoiada co 100 % dos votos emitidos na Asemblea, mantén unha clara continuidade con respecto á anterior. Ademais de José Miguel Alonso Pumar (Secretario Xeral), está composta por Jonathan Miranda Lucas (Secretario de Organización e Acción Electoral), José Luis Armada Castro (Presidente e Secretario de Política Municipal e Institucional), Alberto Iglesias Fraguela (Secretario de Administración e Tesourería), Ana Fachal Fraguela (Secretaria de Desenvolvemento Local, Emprego e Patrimonio Natural), María Luisa Novo Fraguela (Secretaria de Benestar Social, Servizos Públicos e Igualdade), José Pérez Rey (Secretario de Novas Tecnoloxías e Comunicación) e Lois Armada Pita (Secretario de Formación).

Nos vindeiros días publicaremos nesta páxina un saúda do novo Secretario Xeral no que dará a coñecer os principais obxectivos e liñas de traballo da Agrupación para esta nova etapa.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.