Lembrando a Antonio Rivera Losada

Share Button

No ano que axiña comezará, 2012, cumprirase o 10º aniversario do falecemento do escritor e intelectual Antonio Rivera Losada. Natural da parroquia de Santa María de Mera (Ortigueira), onde residíu boa parte da súa vida, tódolos veráns da súa infancia Antonio adoitaba pasar uns días en Cariño, na casa duns parentes que vivían na rúa Balbís, “para tomar los salutíferos baños”. Deste feito danos conta no texto Cariño en mis recuerdos, publicado no Libro das Festas de Cariño do ano 1993, ó que xa nos referimos na entrada anterior, adicada a Ben-Cho-Shey.

Antonio era un adolescente cando sucedeu o alzamento franquista de 1936. O seu pai -un tratante de gando afín á esquerda- e a súa nai -mestra de escola- foron represaliados. O pai, despois dun tempo fuxido, estivo na cadea, mentres que a nai foi suspendida de emprego e soldo e posteriormente trasladada (como, por certo, tamén lle aconteceu a Ben-Cho-Shey). A familia saíu adiante con moito esforzo e Antonio puido comezar estudos universitarios de Químicas, que non rematou.

En 1947 marchou a Madrid, onde axiña entrou nos círculos intelectuais da cidade e comezou a frecuentar as tertulias do Café Gijón. Alí coñeceu a Camilo José Cela, de quen foi secretario durante un tempo. Antonio escribíu en medios da capital, gañou o Premio Nacional de Xornalismo, marchou a traballar a Brasil, voltou a Galicia, impartíu clases particulares, colaborou intensamente en La Voz de Ortigueira, foi guionista de radio… Algúns dos seus artigos e relatos foron recollidos no seu libro Las montañas de la niebla, primeiro título publicado por edicións O Paporroibo; como podes supoñer, o título do libro é unha evocación da Capelada (onde está tomada a foto que ilustra esta entrada). Nunha entrevista dispoñible en internet podes coñecer máis a fondo as diferentes etapas da súa vida:

http://www.usc.es/estaticos/xornal-historico/entrevista881d.html?p=1616

Foi un testemuño inigualable da historia do Ortegal durante o século XX. Posuía unha cultura enciclopédica e unha memoria fotográfica. Antonio estivo vinculado a Cariño, non só durante a súa infancia. Gustáballe falar de múltiples temas, e tamén de política. Aínda que non militaba en ningún partido, simpatizaba coas ideas de esquerda. Tiña amigos na Agrupación Socialista de Cariño e na presentación da candidatura ás eleccións municipais de 1999 tivemos a honra de contar coa súa presenza. Aquel día coñeceu persoalmente ó expresidente da Xunta Fernando González Laxe, un político polo que sentía especial simpatía.

O blog Ortigueira Literaria vén de anunciar un completo programa de actividades adicadas á figura de Antonio Rivera Losada durante o ano 2012, que contarán coa implicación do Concello de Ortigueira. Podes consultalo aquí:

http://ortigueiraliteraria.blogspot.com/2011_11_01_archive.html

Unha vez lido o programa, temos que felicitar efusivamente ós promotores da iniciativa, que servirá para recuperar e reivindicar a Rivera Losada. Na medida do posible, tentaremos seguir as actividades e informarche puntualmente a través desta páxina.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.