Luces e árbores de Nadal: unha nova tomadura de pelo

Share Button

Estes días anda a cidadanía de todo o Concello de Cariño enfadada e debatindo sobre unha situación que se produce por segundo ano consecutivo: a completa ausencia de árbores e adornos luminosos de Nadal nas rúas do noso Concello. Os comentarios sucédense en Facebook e persoas a título particular tentan organizarse para suplir as flagrantes carencias da xestión municipal. Ante esta situación, queremos facer algunhas consideracións.

Durante a nosa etapa á fronte do goberno municipal, o Concello de Cariño adquiríu catro árbores de Nadal, que nestas datas colocábanse na Porta da Pulida, xunto ó anterior Local Social de Maiores (edificio da antiga clínica), no exterior da Casa do Concello e no hall interior deste mesmo edificio. Ademais, adquirimos uns adornos con bombillas led (de baixo consumo) que situábanse na fachada do citado edificio municipal e nas farolas do paseo marítimo. Trátase, insistimos, de adornos de baixo consumo de propiedade municipal, polos que non é necesario facer ningún gasto en concepto de aluguer ou similar.

A esto temos que engadir que a Alcaldesa asume descoñecer o importe do consumo destes adornos de Nadal, como ela mesma declara en Facebook. Queda claro, polo tanto, que a súa negativa a colocar as árbores e luces de Nadal non ten motivación económica algunha e resposta ó capricho persoal de quen, neste e noutros casos, administra o Concello como se fose a súa parcela privada.

Queremos deternos un pouco máis neste debate. En días pasados, o noso compañeiro José Miguel Alonso, a título particular, preguntou en Facebook o seguinte: Púri, sábese canta electricidade consumen as dúas árbores propiedade municipal (a verde que se instalaba fóra, diante do edificio municipal, e a azul e branca que se colocaba tradicionalmente no hall do concello)? E o alumeado (de bombillas -baixo consumo- led azul, tamén de propiedade municipal) que se instalaba cada ano nas farolas do paseo marítimo?”.

A resposta da Alcaldesa reproducímola na captura de pantalla que acompaña a esta entrada (supoñemos que non terá problema en que a reproduzamos aquí, dado que se trata dun cargo público, foi escrita nun grupo de Facebook do que forman parte máis de 1000 persoas e ademais declara a miúdo que é partidaria das “portas abertas”). Purificación Seixido comeza declarando que descoñece o consumo das árbores de Nadal (“Supoño que esas dúas árbores do concello consumen pouco”) e remata cunha mención ós traballadores do Concello que nos parece moi pouco xustificable: ela é a máxima autoridade e a responsable de persoal; ten competencias para planificar o traballo dos operarios, para autorizar vacacións, asuntos propios, etc. Non pode, polo tanto, descargar sobre @s traballadores/as responsabilidades que son exclusivamente súas.

Polo medio, hai dúas afirmacións que tampouco teñen desperdicio. Pon as bombillas led a disposición dos veciños e pídelles que se encarguen de colocalas e retiralas. A ver se entendimos ben: ¿suxire a Alcaldesa que veciños a título particular suban ás farolas e manipulen o alumado público?, ¿está disposta a asumir a responsabilidade de calquer percance (caídas, descargas eléctricas, averías…) que poda derivarse desta decisión?, ¿é posible ser máis irresponsable?

Tampouco é de recibo afirmar que “ante a posibilidade de que se molestaran noutras parroquias decidimos non poñelo en ningún sitio [a árbore]”. Como xa dixemos, hai máis dunha árbore, e polo tanto nada lle impide colocar unha en Feás á entrada do Concello e outra en Cariño. Por outra parte, cando nós gobernamos o Concello sempre colocamos árbores e luces de Nadal e nunca recibimos queixas de ningunha parroquia. Por último, aínda que só houbese unha árbore, non existiría razón para non colocala. O argumento da Alcaldesa é como dicir que “como non é posible dotar de axuda a domicilio a tódalas persoas maiores deste Concello, pois suprimimos o servizo”.

O grave é que, como xa sinalamos, estes feitos prodúcense por segundo ano consecutivo. O 28 de decembro de 2011, hai case un ano, publicamos nesta páxina unha entrada titulada O apagón do Concello de Cariño, onde xa exponíamos argumentos moi similares. Podes vela aquí:

https://www.psoecarino.org/index.php?option=com_content&task=view&id=449&Itemid=5

Como conclusión a esta protesta, queremos rematar dicindo que, a estas alturas, parece que xa tódolos habitantes deste Concello asumen que o actual goberno municipal non vai a facer nada para que en Cariño “haxa futuro” (como dicía o seu eslogan electoral en maio de 2011). Aínda que esto sexa tristemente así, deberíamos esixirlles que, polo menos, coiden e respeten o que entre tod@s –con moito esforzo- fomos capaces de construir, que fagan correcto uso dos bens municipais que pertencen a toda a cidadanía cariñesa, que non apaguen a ilusión d@s nos@s nenos e nenas, e que presten unha mínima axuda ó pequeno comercio. Que nos digan alto e claro canto custa o consumo desas luces e árbores que se negan a colocar, non vaia ser que máis dun pequeno esté disposto a pagalo dos seus aforros.

    

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.