Marcando o rumbo: ideas da Convención Municipal

Share Button

Nos últimos meses, dous importantes eventos contribuíron a definir a orientación teórica e práctica do socialismo galego. O primeiro foi a Conferencia Política que tivo lugar no mes de xuño. O segundo, a Convención Municipal que se celebrou a pasada fin de semana. En ambos casos a cita tivo lugar en Santiago de Compostela e contou coa presencia de membros da Agrupación Socialista de Cariño.

Na Convención Municipal desta fin de semana, o Secretario Xeral, Pachi Vázquez, destacou tres ideas relevantes que paga a pena reter.

En primeiro lugar, convidou a dinamizar Galicia dende os concellos socialistas. Dende que acadou o poder, o goberno de Feijóo está instalado na máis absoluta inoperancia e inmovilismo. Só sabe botar balóns fora, desfacer os logros do goberno anterior, privatizar servicios e dereitos esenciais e atacar a língua galega. É, pois, fundamental que os concellos socialistas actuemos como contrapeso a estas políticas e sexamos os verdadeiros motores de Galicia.

En segundo lugar, Pachi Vázquez chamou a construir no ámbito municipal lugares comúns para o progresismo. Trátase de sumar esforzos e buscar encontros coas outras forzas de esquerda, cos colectivos sociais, coas persoas progresistas. A manifestación desta fin de semana en defensa da sanidade pública pode ser un exemplo.

Por último, Vázquez amosouse firme na súa política de "unha persoa, un cargo". O partido ten masa crítica e recursos humanos suficientes para evitar a duplicidade de cargos e responsabilidades. @s parlamentari@s autonómic@s que desexen adicarse á vida municipal, deberán abandoar o seu escano. Unha medida, pois, que evita a acumulación de cargos e contribúe a racionalizar o traballo político.

Este domingo, a editorial do Xornal de Galicia destacaba que é probablemente a primeira vez que o socialismo galego ten vida propia, allea á situación, probablemente máis crítica, que vive o partido a nivel nacional. Con independencia da lectura que nos mereza esta opinión, cremos que, en efecto, estamos gañando no combate ideolóxico e no contraste de modelos de xestión. A mentada editorial levaba por título O partido que goberna ao 65% dos galegos saca peito. 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.