Mellora da estrada entre Cariño e San Andrés de Teixido

Share Button

O Pleno da Deputación, que preside o Alcalde socialista pontés Valentín González Formoso, aprobou este venres 27 de novembro unha dotación de 835.454,62 euros para acometer o proxecto de pavimentación e mellora da estrada DP 2205, que une o famoso santuario de San Andrés de Teixido coa parroquia cariñesa de A Pedra pasando por Vixía Herbeira, outro dos atractivos turísticos máis visitados da nosa comarca.

O Goberno Municipal cariñés vén traballando dende hai meses neste proxecto, que @s socialistas consideramos fundamental para mellorar a nosa oferta turística co obxectivo de convertir a este sector nun piar importante na economía do noso Concello. De feito, e como podes comprobar na entrada que publicamos nesta web o pasado 15 de agosto, foi unha das demandas que plantexamos ó Presidente provincial na visita que fixera ó noso Concello o día anterior a esa data. No resumo desa reunión de mediados de agosto dicíamos textualmente: Do mesmo xeito insistiuse na relevancia de ir comezando, na medida que as partidas orzamentarias da Deputación o permitan, as melloras que precisa a estrada que une San Andrés de Teixido e Cariño, unha vía esquecida pola administración provincial na pasada lexislatura e cuxo axeitado acondicionamento potenciaría os vencellos económicos entre Cariño e Cedeira ó permitir unha mellor conexión de turismos e, sobre todo, autocares entre tres importantes focos turísticos comarcais: o santuario de San Andrés de Teixido, Vixía Herbeira e o Cabo Ortegal.

Tal como vén de anunciar a administración provincial, as obras levaranse a cabo nun tramo de doce quilómetros e medio entre os pk 1,600 e 14 que discorre polos termos municipais de Cariño e Cedeira e que serve de acceso a San Andrés de Teixido e á Garita da Herbeira, onde se atopan os cantís máis altos da Europa continental. Consistirán na mellora da capa de rodadura e reforzo dos bordes da calzada mediante unha capa de mistura bituminosa en quente, así como na ampliación da plataforma nas zonas de curvas pechadas mediante o revestido en formigón das cunetas, co fin de facilitar as manobras dos autobuses e vehículos de gran lonxitude.

No Pleno da Deputación do pasado venres aproubouse tamén financiamento para a mellora da estrada ó Cabo Ortegal e para o Auditorio situado no interior da Casa do Concello, tal e como informaremos proximamente con maior detalle.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.