Moción aprobada no Pleno do venres 31-01-14 contra a nova lei de interrupción voluntaria do embarazo

Share Button

O Pleno do Concello de Cariño celebrado o pasado venres, 31 de xaneiro, aprobou a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista solicitando a retirada do anteproxecto da nova lei relativa á interrupción voluntaria do embarazo, que está a promover o ministro Ruiz Gallardón. A moción resultou aprobada cos votos favorables de PSdeG-PSOE e BNG, mentres que o PP abtívose.

Reproducimos a continuación o texto completo da moción:

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE CARIÑO CON MOTIVO DO ANTEPROXECTO DE LEI ORGÁNICA POLO QUE O GOBERNO DE ESPAÑA PRETENDE REVISAR A LEXISLACIÓN VIXENTE EN ESPAÑA SOBRE SAÚDE SEXUAL E REPRODUTIVA E INTERRUPCIÓN VOLUNTARIA DO EMBARAZO

En Cariño, a 21 de Xaneiro de 2014.

 

De acordo e ao amparo do previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Cariño desexa someter á consideración do Pleno Municipal a seguinte MOCIÓN:

 

A Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, recolle a garantía dos dereitos fundamentais no ámbito da saúde sexual e reprodutiva, regula as condicións da interrupción voluntaria do embarazo e establece as correspondentes obrigas dos poderes públicos.

No seu texto, declárase o dereito de todas as persoas a adoptar libremente decisións que afectan á súa vida sexual e reprodutiva, sen máis límites que os derivados do respecto aos dereitos das demais persoas e á orde pública garantida pola Constitución e as Leis, e recoñécese o dereito á maternidade libremente decidida o que implica non só recoñecerlles ás mulleres a capacidade de decisión sobre o seu embarazo, senón tamén que esa decisión, consciente e responsable, sexa respectada.

A Lei, que veu substituír unha regulación que vinte e cinco anos atrás supuxera un avance na protección das mulleres, foi elaborada, debatida e aprobada desde o consenso coa gran maioría dos grupos políticos con representación parlamentaria, tras o traballo en sede parlamentaria dunha Subcomisión na Comisión de Igualdade na que se contou coa participación dunha trintena de expertos e considerando as recomendacións de expertos xuristas e profesionais da bioética e a sanidade. Ademais, reforzou a seguridade xurídica na regulación da interrupción voluntaria do embarazo e incorporou a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos así como distintos pronunciamentos, en forma de conclusións e recomendacións, do Consello de Estado e organismos internacionais de Nacións Unidas, da Organización Mundial da Saúde, do Consello de Europa e da Unión Europea.

O Goberno anunciou unha revisión desta lexislación que representaría un extraordinario retroceso normativo, social e ideolóxico e volvería situar as mulleres españolas na clandestinidade, suprimindo o seu dereito a decidir responsable, consciente e libremente sobre a súa sexualidade e maternidade, e afectándolle á súa seguridade xurídica e á dos profesionais do noso sistema de saúde, así como á garantía no acceso ás correspondentes prestacións sanitarias.

Neste sentido, o 20 de decembro de 2013 presentouse no Consello de Ministros un Anteproxecto de Lei Orgánica cuxo contido confirmou, e tristemente superou, as peores conxecturas acerca dos seus desastrosos efectos sobre as liberdades e os dereitos das mulleres.

Co Anteproxecto aprobado polo Goberno suprímese o dereito das mulleres a interromper o seu embarazo nas primeiras catorce semanas, considerándose como delito despenalizado só nos supostos de violación e “grave perigo para a vida ou a saúde” da muller, privándoa do seu dereito a decidir sobre a súa maternidade. Suprímese tamén, polo tanto, o suposto de malformacións ou anomalías fetais incompatibles coa vida, que xustificara a interrupción do embarazo desde os anos oitenta do século pasado.

Esta norma non só supoñerá un grave retroceso de máis de trinta anos para a lexislación española neste ámbito, e o incumprimento de compromisos internacionais en materia de dereitos sexuais e reprodutivos e de liberdade das mulleres a decidir sobre a súa maternidade, senón que situaría a España como unha excepción en toda Europa, onde nos últimos anos ningún país lexislara cara a atrás nesta materia, mentres que as mulleres españolas sufrirán ese retroceso despois de contar cunha das lexislacións máis avanzadas, máis seguras, con maiores efectos na prevención de embarazos non desexados e que conseguira reducir o número de abortos no último ano.

Esta normativa provocou un enorme rexeitamento social da cidadanía española e europea, das organizacións sociais, profesionais e feministas, e ademais motivou a aparición de declaracións de membros do seu propio partido, incluídas as dalgunhas mulleres que ocupan cargos públicos, discrepando do seu contido, e a crítica de dirixentes e medios de comunicación no estranxeiro, onde só recolleu a felicitación de formacións políticas de extrema dereita doutros países.

 

Por estas razóns, o Concello de Cariño aproba a seguinte moción:

“O Concello de Cariño insta o Goberno de España a retirar inmediatamente e non continuar a tramitación do Anteproxecto de Lei Orgánica polo que pretende revisar a lexislación vixente en España sobre saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo”.

Aprobada esta moción comunicaráselle ao Congreso dos Deputados.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.