Música contra o cancro: III Festival da AECC en Cariño

Share Button

altO domingo 10 de agosto terá lugar no Auditorio Municipal de Cariño a terceira edición do festival Música contra o Cancro, que organiza a xunta local da Asociación Española contra o Cancro (AECC). Unha das principais novidades desta edición é que o festival contará con dúas funcións, ás seis da tarde e ás nove da noite. As entradas numeradas para ambas funcións estarán á venda dende as catro da tarde; o aforo é limitado.

Este festival cariñés iniciouse hai tres anos e o seu principal atractivo é que o cartel componse exclusivamente de artistas afeccionados locais, que en moitos casos preparan as súas actuacións especificamente para este día. A primeira edición contou cun cheo absoluto no Auditorio Municipal, mentres que o ano pasado desbordáronse as expectativas e esgotáronse as entradas, quedándose algunhas persoas sen posibilidade de presenciar as actuacións. Esta circunstancia levou á organización á acertada decisión de programar dúas funcións na edición deste ano.

No cartel deste ano repiten parte d@s intérpretes das edicións anteriores, ó tempo que hai tamén algunha nova incorporación. En concreto, subiranse ó escenario Poldo e Rafael, Ana e Mar, Aida e Julia, Josemy, Laura, Sara e Pablo, Marina e Sara, Esther e Lara, María Jesús e Mónica, Xico de Cariño, Hixinio e Manolo Galcerán, Nicolás, Marta, Andrés e Armando, Elisa, Lucas e Dani, Alberto, Cubeiro e Pablo.

Como en anos anteriores, a recadación ten como obxectivo contribuír economicamente á loita contra o cancro. Dende a Agrupación Socialista de Cariño animámosche a asistir, agardamos que o evento sexa un éxito e expresamos o noso recoñecemento á xunta local da AECC polo labor que veñen realizando.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.