Na rúa o número 11 do Boletín de Información Municipal

Share Button

O Grupo Municipal Socialista vén de sacar á rúa o número 11 do seu Boletín de Información Municipal. Esta nova entrega do Boletín consta de catro páxinas de texto e a súa versión en papel está sendo distribuída estes días por todo o termo municipal. A versión dixital podes descargala nesta web, na sección Descargas do Menú principal, situado na parte esquerda da páxina. Nesa sección podes atopar dous documentos en formato PDF. O primeiro é o Boletín propiamente dito; o segundo arquivo contén seis Actas de Arqueo, ordeadas de máis recente a máis antiga, cos fondos en metálico existentes nas contas bancarias de titularidade municipal en diferentes datas comprendidas entre o 11 de decembro de 2013 e o 10 de xuño de 2011, un día antes da toma de posesión da actual Alcaldesa. Este ficheiro ocupa máis de 4 Mb e podería tardar varios segundos en descargarse, dependendo da túa velocidade de conexión. Nestes documentos oficiais tachamos unicamente os números de conta bancaria, por considerar que pode ser información sensible e que, en calquera caso, non posúe interese algún para o tema que nos ocupa.

Os resultados destes arqueos están resumidos tamén nunha táboa que reproducimos no propio Boletín e amosan, entre outras cousas, que a día 11 de decembro de 2013 o Concello de Cariño ten nas súas contas bancarias a cantidade de 917.609,47 euros (máis de 152 millóns de pesetas). Os arqueos amosan, ademais, que o actual Goberno Municipal iniciou o seu mandato cuns 500.000 euros nas contas bancarias e dende entón os seus saldos amosan unha liña ascendente ata os máis de 917.000 euros actuais. Hai que dicir que en todo este tempo, ademais de incrementar o saldo nas contas bancarias, o Concello pagou as nóminas do seu persoal e fixo fronte ás súas obrigas estipuladas con bancos, proveedores, etc.

O número 11 deste Boletín fai un balance crítico da actual lexislatura. Tras unha primeira páxina de introdución, comeza reproducindo os resultados dos citados arqueos e cuestionando, polo tanto, o argumento que a Alcaldesa repite constante e machaconamente –non hai diñeiro– para xustificar tódalas carencias e defectos da súa xestión. Ós resultados dos arqueos temos que engadir que a liquidación do orzamento de 2012 –o último orzamento pechado a data de hoxe- amosa un superávit ou remanente positivo de 282.811 euros, como xa informamos no seu día nesta páxina web (entrada publicada o 15 de abril de 2013 co título 282.000 euros de superávit: intervención do Grupo Municipal Socialista no Pleno do venres 12-04-2013). O noso Grupo considera que, con estes resultados contables, empregar un día tras outro o argumento de que non hai diñeiro para xustificar absolutamente tódolos defectos da xestión do actual Goberno Municipal constitúe un rotundo engano á cidadanía.

O seguinte apartado do Boletín leva por título Desastrosa xestión dos servizos básicos. No mesmo, o noso Grupo Municipal argumenta que existe actualmente unha enorme deixadez na atención ós servizos básicos (alumeado, desbroce de pistas, limpeza das rúas, alcantarillado, etc.), que presentan unha calidade moi por debaixo da esixible a pesar de que o Concello vén aplicando unha subida indiscriminada e abusiva en tódalas taxas e impostos que paga a cidadanía, en momentos de auténtica emerxencia social.

A continuación, o Boletín adica un apartado (titulado Un Goberno Municipal sen iniciativa nin proxecto) a criticar a ausencia de programa no actual Goberno Municipal, ó que non se lle coñece un só proxecto ou iniciativa propia relevante durante a actual lexislatura. Esta carencia parécenos particularmente preocupante nun momento como o actual, no que, ante a crise dos nosos sectores económicos tradicionais, o Concello debería achegar o seu gran de area na creación de emprego e na dinamización económica. Na campaña electoral o BNG chegou a afirmar que, se eles gobernaban, a xente xa non tería que marchar a traballar fóra de Cariño. O compromiso debeu esquecérselles ó día seguinte de gañar as eleccións.

O seguinte apartado do Boletín (O peche da Escola Infantil) analiza o proceso que levou ó peche da Escola Infantil que dende hai máis de 20 anos funcionaba en Cariño para iniciar unha nova iniciativa moito máis custosa para as arcas municipais, que está por ver que mellore a oferta anteriormente existente e que, no mellor dos casos, terá deixado a todo do termo municipal de Cariño sen o servizo durante un mínimo de dous cursos escolares.

O apartado final leva por título A necesidade dun drástico cambio de rumbo e, como o seu título indica, aposta pola urxencia dun cambio na política municipal. As expectativas creadas polo actual Goberno Municipal están sendo a día de hoxe completamente defraudadas e parece incuestionable que Cariño non pode seguir por este rumbo. Parece difícil que o partido gobernante aposte por este necesario cambio a estas alturas da lexislatura, polo que terá que ser a cidadanía quen o provoque, creando unha nova correlación de forzas nas eleccións de maio de 2015. Ademais, neste apartado o noso Grupo Municipal defende o seu dereito a exercer a crítica, sempre constructiva e en beneficio da cidadanía cariñesa, e reitera a súa disposición para chegar a acordos e ó entendemento con outras forzas e por suposto co BNG, pero sempre dende a prevalencia dos valores e principios que vimos defendendo ó longo de anos de traballo e implicación na vida municipal.

Sen eludir a autocrítica e a necesaria reflexión á que estamos obrigadas tódalas organizacións políticas, queremos salientar que o feito de que o Boletín de Información Municipal acade o seu número 11 e teña xa máis de 15 anos de existencia amosa a continuidade, a coherencia e o compromiso coa información da Agrupación Socialista de Cariño e do seu Grupo Municipal. Con este Boletín, ademais, quixemos fuxir do ambiente electoral e achegar unha reflexión serena a máis dun ano dos vindeiros comicios, pero ó mesmo tempo cando temos xa mostras suficientes do que está dando de si a presente lexislatura.

Queremos, por último, desexarche unhas Felices Festas, a ser posible na compaña da túa familia e persoas queridas.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.