Na rúa o número 31 de Razón Socialista

Share Button

O pasado día 13 de decembro presentouse en Ferrol o número 31 da revista Razón Socialista, que corresponde ó segundo semestre do ano 2011. A sala de actos da Galería de Sargadelos, que acolleu o evento, estivo chea e algunhas persoas tiveron que ficar de pe.

En anteriores ocasións témonos referido na nosa web a esta publicación. Razón Socialista é unha revista de periodicidade semestral editada en Ferrol pola Asociación Cultural Fuco Buxán e que leva por subtítulo Pola rexeneración da esquerda. A súa liña editorial aposta de forma decidida pola converxencia e a unidade de acción da esquerda política, sindical e cultural. Este espírito está presente na propia asociación, que desenvolve unha intensa actividade ó longo de todo o ano e está integrada por simpatizantes e militantes de esquerda, parte deles/as pertencentes ó PSOE. Podes consultar números anteriores da revista dende a páxina web da asociación:

http://fucobuxan.net/index.php/razon-socialista-revista

As persoas que seguimos dende hai anos a traxectoria da revista, que en anteriores ocasións foi presentada no local da Agrupación Socialista de Cariño, non podemos menos que constatar a súa consolidación e crecemento, froito do meritorio traballo da súa equipa editorial. Razón Socialista é hoxe unha revista única nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e con moi poucos parangóns en Galicia. Este último número publicado inclúe colaboracións de profesores, intelectuais e políticos da talla de Juan Torres López (¿El final de la crisis?), Santiago Carrillo (Ni la historia, ni la lucha terminan el 20N), Vicenç Navarro (La necesaria reforma fiscal), Odón Elorza (El tercer espacio para la política vasca) ou Fermín Bouza (Camiño de tres anos improdutivos).

Outros temas atópanse presentes neste número, como a análise dos resultados das últimas eleccións, o ensino público e a sanidade pública, o sindicalismo, a economía ou os medios de comunicación. A destacar asemade o artigo do compañeiro Manuel Cendán Dopico, militante socialista e subdirector da revista, que leva por título A construción dunha esquerda nova tras o 20N. Podes atopalo tamén no seu blog persoal Bitácora do Nordés:

http://nordes.wordpress.com/2011/12/15/a-construcion-dunha-esquerda-nova-tras-o-20n/

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.