Nota de prensa sobre a VAC: a reunión de Cariño

Share Button

Os principais xornais de cobertura comarcal, como Diario de Ferrol e La Voz de Galicia, recollen hoxe un resumo da reunión de traballo mantida onte en Cariño por cargos socialistas para analizar a situación de retraso nas obras da autovía costeira e propor liñas de actuación futuras. Polo seu interese, reproducimos a continuación a nota de prensa difundida onte polo noso partido:

 

 

OS SOCIALISTAS PROPOÑEN CONSENSO PARA O DESBLOQUEO DA VÍA DE ALTA CAPACIDADE FERROL-SAN CIBRAO

 

Os socialistas de Ferrol, Ortegal e A Mariña Luguesa acordan constituír a Plataforma Autovía Costa Noroeste para “evitar o boicot” do PP a esta infraestrutura

 

Cariño, 20 de febreiro de 2010. Os socialistas da comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña mantiveron hoxe un encontro en Cariño para elaborar un documento de medidas para acadar o consenso das demais forzas políticas e sociais e desbloquear a Vía de Alta Capacidade Ferrol – San Cibrao. Este documento de defensa das infraestruturas de comunicación da Costa Noroeste será presentado no encontro previsto para o próximo sábado en Viveiro.

 

A elaboración do documento partiu do acordo presentado no Parlamento de Galicia a iniciativa dos socialistas, e que foi apoiado polo BNG, no que instaba á Xunta a impulsar un acordo co goberno de España para que, dentro do ámbito competencial de cada unha das administracións, aproben un cronograma con prazos e orzamentos para rematar a VAC en 2014, “con ocupación de terreos e obras que permitan o seu desdobramento na Autovía Costa Noroeste”.

Os representantes institucionais e orgánicos da zona, presididos polo alcalde de Cariño, José Luis Armada, e coa presenza da parlamentaria Beatriz Sestayo e os alcaldes de Ferrol, Cedeira e Fene, acordaron constituír a Plataforma Autovía Costa Noroeste e comezar unha campaña de mobilizacións para evitar o “boicot” desta infraestrutura por parte do PP lembrando o seu apoio á mesma no Congreso.
 

Os socialistas tenden a man ás outras forzas políticas para evitar que a Costa Noroeste sexa o único tramo do Norte de España sen autovía, anuncian o inicio dunha recollida de firmas para presentar unha iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia. Esixen así a Feijóo “que deixe de condenar aos veciños e veciñas desta zona” e garanta o compromiso asumido polo goberno socialista na lexislatura pasada de vertebrar da zona a través dunhas infraestruturas de calidade.

 

 

Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE

 

 

Recomendamos tamén a lectura da crónica da reunión publicada hoxe en La Voz de Galicia, que podes atopar neste enlace:

 

 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.