Nove meses coa actual páxina web

Share Button

Este luns, día 21 de xuño, coincidindo coa primeira victoria da nosa selección de fútbol no presente Mundial, a versión actual da nosa páxina web cumpríu nove meses de actividade.

 

Neste tempo, cremos que o noso logro principal son as 159 entradas ou posts que fomos subindo a esta páxina principal dinámica, que fan unha media superior a unha entrada cada dous días. Escribimos, principalmente, sobre actualidade municipal, pero tamén sobre política autonómica e estatal, sobre recursos electrónicos, audiovisuais e bibliográficos relativos ó noso Concello e sobre algúns outros temas.

 

Modestamente, cremos que esta web constitúe unha fonte de información contrastable e unha aportación sensata ó debate político municipal. En definitiva, un lugar onde os usuarios de calquera tendencia política poden atopar contidos de interese. Outros -e referímonos ó PP cariñés- semella que prefiren expresarse a través de blogs e foros onde son norma habitual a desinformación, a manipulación e incluso a calumnia e o insulto (exercido todo elo, case sempre, dende o anonimato). Dende logo, nós nese terreo non imos entrar.

 

Se ben facemos unha valoración positiva do ritmo de actualización da nosa páxina, na parte de autocrítica temos tamén que recoñecer que noutros aspectos desexaríamos ter avanzado máis rápido. Temos en proxecto, dende hai tempo, novas seccións, contidos e outras melloras que aínda non están á túa disposición. Tentaremos que sexan realidade ó longo deste verán. Xa sabes que podes facernos chegar as túas suxerencias e comentarios ó enderezo psoecarino@yahoo.es

 

Coas súas limitacións, que nós mesmos recoñecemos, cremos que esta páxina constitúe unha mostra máis do traballo que desenvolve o socialismo cariñés. A páxina é só unha pequena parte, á que temos que engadir o intenso traballo que desenvolve o noso Grupo Municipal (alcaldía e catro concelleiros/as), asemade recollido nesta mesma páxina, e tamén o noso traballo orgánico a nivel municipal e supramunicipal (congresos, Conferencia Política, Comité Nacional, etc.).

 

O PP e os seus simpatizantes seguirán a dicir que o PSOE de Cariño non fai nada. Sen embargo, nós confiamos na túa capacidade para xulgar e comparar; como no seu día sentenciou Voltaire, “es más honroso ser aprobado por hombres que razonan que dominar a gentes que no piensan”. Por outro lado, antes de entrar a valorar o traballo alleo, o PP cariñés debería mirarse no espello.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.