Novo curso político, novos retos

Share Button

Rematou un mes de agosto de clima mellorable e, co mes de setembro, ábrese un novo curso político que traerá novidades interesantes. O vindeiro 20 de novembro celébranse unhas eleccións xerais que preséntanse difíciles para o noso partido, despois de catro anos afrontando unha durísima crise económica de dimensións mundiais. Neste complexo contexto, Alfredo Pérez Rubalcaba estase amosando como un magnífico candidato, capaz de construir un proxecto sólido e de explicalo mellor que ninguén. A opinión pública, según tódalas enquisas publicadas, considera que sería mellor Presidente que Mariano Rajoy.

En breves días abrirase o proceso de elaboración das candidaturas, que implicará, como un dos primeiros pasos, a celebración de asambleas nas agrupacións locais para consensuar ou votar propostas. Está por decidir @ candidat@ que @s socialistas presentaremos para representar durante os vindeiros catro anos ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal no Congreso dos Deputados.

Tralas eleccións, con independencia de cal sexa o resultado, o PSOE afrontará previsiblemente unha dinámica congresual que abarcará as escalas nacional, autonómica, provincial e local. Será unha oportunidade importante para o debate e a renovación do partido, na que tamén estará implicada a Agrupación Socialista de Cariño.

Ademais, durante este curso político continuaremos desempeñando o noso papel na política municipal, facendo unha oposición crítica e constructiva. Proximamente o actual goberno municipal cumprirá os seus primeiros 100 días, ocasión que aproveitaremos para facer unha primeira valoración global da actual lexislatura.

Esta web seguirá xogando un papel fundamental na comunicación pública de todos estes acontementos. Este mes de setembro, concretamente o día 21, a páxina cumpre dous anos no seu actual formato. Mais alá dos aspectos meramente estéticos, a adopción do deseño actual implicou unha vontade de facer un traballo continuado en internet mediante actualizacións nesta páxina principal. A presente entrada fai o número 403; tódalas anteriores están dispoñibles online e podes rastrexalas por temas mediante a opción Buscar, situada no menú da esquerda.

Como novidade para os vindeiros meses, queremos enriquecela con contidos que poden agruparse en torno a dous grandes eixos temáticos. Un deles plasmarase na sección Pensar dende a esquerda, que adicaremos a autores/as, libros e conceptos relevantes no pensamento de esquerda; a primeira entrega, dentro de poucos días, versará sobre un autor fundamental, recentemente finado, como é Tony Judt. O outro grande eixo temático estará relacionado co coñecemento da realidade local en tódalas súas dimensións (social, económica, histórica, deportiva, bibliográfica, etc.).

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.