O apagón do Concello de Cariño

Share Button

Hai decisións políticas que son auténticas metáforas, na medida que expresan todo un xeito de gobernar. O Concello de Cariño anunciou hai unhas semanas a súa decisión de prescindir do alumado de Nadal. O aspecto apagado e sen cor que ofrecen Cariño e as súas parroquias estes días, sen máis adornos e luces que os colocados pola iniciativa de persoas particulares, é unha mostra máis do rumbo desnortado que o actual goberno municipal está imprimindo a este Concello.

Nos últimos seis meses vimos asistindo a despropósitos de todo tipo, a decisións arbitrarias e totalmente inxustificadas ante as que o noso partido mantivo unha actitude máis ben discreta. Soe afirmarse que todo goberno municipal merece 100 días de confianza, que no noso caso convertíronse no doble; decidímolo así por tratarse de personas con nula experiencia anterior como concelleir@s. Mais esta dinámica debe cambiar. O mellor servizo que podemos facerlle a este Concello e á súa cidadanía é unha fiscalización responsable da acción municipal, ofrecendo puntos de vista alternativos, amosando que as cousas poden facerse doutro xeito, contradecindo as decisións políticas e unilaterais que a Alcaldesa pretende vendernos como accións inevitables ou verdades irrefutables.

Este apagón de Nadal non ten precedentes dende a creación do Concello e, ademais, está totalmente inxustificado. Imos por partes. Os adornos e as árbores de Nadal que se poñían diante do edificio do Concello ou na Praza da Pulida, así como os adornos das farolas da fachada marítima, son de propiedade municipal, están pagados dende hai anos e polo tanto non supoñen practicamente ningún gasto adicional, nin enerxético nin de man de obra. Son adornos con minúsculas bombillas de led, de consumo case nulo, e montados por persoal fixo do Concello. Non hai, pois, xustificación algunha para non montalos.

A outra parte da iluminación e adornos de Nadal é a que ía colocada nas estradas e rúas de todo o Concello, que se contrataba a unha empresa privada. É respetable que o Concello decida reducir este gasto, pero unha cousa é reducilo e outra eliminalo integramente. ¿Non pode haber un punto intermedio entre o alumado de anos anteriores e a situación actual?, ¿non é posible colocar un simple Felices Festas á entrada do Concello, outro na Solana e outro no centro de Cariño?

A Alcaldesa debe asumir dunha vez que a súa obriga é gobernar para toda a cidadanía. Pode que a ela non lle gusten as luces de Nadal, pero os nenos e nenas deste Concello, o comercio local e unha parte importante da cidadanía pensamos diferente.

Dende que asumíu o goberno municipal, a Alcaldesa vén facendo declaracións e actuacións que merman a imaxe do noso pobo, desmoralizan á cidadanía cariñesa e contribúen a crear un estado de opinión que non se axusta á realidade do noso Concello, tanto no plano económico como social. Recentemente, nunha entrevista que lle fan @s alumn@s do colexio para O Espigonciño, a revista que editan no centro, Puri Seixido declara que non pensaba ser elexida, que non lle gusta ser Alcaldesa e que non pensa presentarse ás vindeiras eleccións. Posiblemente lendo esta entrevista atopes resposta a moitas preguntas e entendas mellor o seu xeito habitual de actuar, optando sempre polo camiño máis fácil, eludindo a súa responsabilidade e proxectando o seu estado de ánimo e o seu pesimismo sobre o futuro de todo un Concello.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.