O corredor costeiro: poñendo as cousas no seu sitio

Share Button

O retraso nas obras do corredor costeiro promovido polo actual goberno da Xunta ten importantes implicacións para a economía cariñesa.

Hai que lembrar que a obra contempla unha conexión do futuro corredor con Cariño, concretamente mediante unha estrada de 11 km de lonxitude cun investimento previsto de 35 millóns de euros. Actualmente atópase en execución o estudo informativo e de impacto ambiental. Esta nova estrada, non contemplada pola Xunta de Fraga, foi engadida ó proxecto polo anterior goberno bipartito da Xunta de Galicia, tralas xestións realizadas polo Concello de Cariño e concretamente polo noso alcalde José Luis Armada.

 

Aínda que supoña unha explicación detallada, convén facer un repaso das contribucións dos sucesivos gobernos da Xunta ó corredor costeiro:

 

Goberno do Partido Popular (época Fraga)

– Fixeron o estudo informativo para unha vía rápida.

– Ningún proxecto constructivo iniciado e cinco sen licitar.

– Ningún tramo licitado nin adxudicado.

– Deixaron a Variante de Viveiro sen decidir o seu trazado.

 

 

Goberno bipartito (PSOE-BNG)

Contratáronse e redactáronse os proxectos construtivos.

– Decidíuse o trazado da variante de Viveiro.

– Licitáronse e contratáronse as obras de dous tramos: variante de Ortigueira e Celeiro – San Cibrao.

 Iniciáronse as obras da variante de Ortigueira.

– Modificouse o estudo informativo na maioría dos treitos por motivos de funcionalidade e de afección ambiental.

– Reformuláronse os proxectos para mudar a idea do PP de construír unha vía rápida, para convertela nun corredor de nova xeración, que ten en máis do 60% do seu trazado un terceiro carril.

– Quedou prevista a posibilidade de desdobramento para o futuro inmediato.

– Incorporouse ó proxecto a conexión con Cariño.

 

 

Actual Goberno do PP

– Paralización da licitación e da expropiación dos treitos.

– Reducción nun 50 % dos investimentos previstos polo anterior goberno bipartito para o ano 2010.

– Remate das obras previsto para o 2017. Cinco anos perdidos para a Costa Norte de Galicia.

 

Como pode suporse, o tema continuará dando moito que falar. O Grupo Parlamentario Socialista na Xunta de Galicia xa presentou unha Proposición non de lei para a súa tramitación urxente instando á Xunta a: 1) aprobar nun prazo máximo de tres meses o Decreto de utilidade pública e urxente ocupación dos terreos para a construcción do conxunto dos tramos que restan; e 2) licitar no primeiro semestre de 2010 os tramos restantes na VAC do Norte.

Pola súa parte, o BNG realizou onte unha concentración de protesta na Ponte do Barqueiro.

Mentres tanto, no PP de Cariño seguen coa súa especialidade habitual: calar e obedecer cegamente os dictados dos seus xefes, deixando de lado ó pobo de Cariño. Coma sempre, avanzaremos a pesar do PP.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.