O PSdeG cariñés e a xeoloxía. Repasando a nosa preocupación polos recursos naturais locais

Share Button

altPoucos concellos poden gabarse de ter uns valores medioambientais tan valiosos e relevantes como os de Cariño. Na era da información global o noso patrimonio natural é ben coñecido por investigadores e estudosos xa non do Estado, senón de todo o mundo. Con todo, na Agrupación Socialista de Cariño sempre tivemos a certeza de que o coñecemento e a divulgación son –e haberán de ser- eixos básicos e fundamentais para un axeitado desenvolvemento económico e social da cidadanía, con indiferencia do campo de estudio do que falemos. Partindo destes principios, e seguindo a máxima de que non se pode protexer e aproveitar de xeito sostible aquilo que se descoñece, dende fai anos vimos promovendo diferentes actividades co obxectivo de que a ciencia achegue a nós, á cidadanía, toda a información posible sobre os valores naturais que Cariño alberga e, porque non dicilo, fomentar un san debate social sobre o futuro dos mesmos.

Nestas datas nas que se cumpren 10 anos da celebración daquelas I Xornadas de Patrimonio e Desenvolvemento Local, coas que, dende o goberno municipal, abríamos unha modesta fiestra ó intercambio de coñecementos, asistimos con enorme preocupación ó total abandono desta liña de actuación por parte da actual administración local. En contraposición a tal actitude cremos que, en tempos de profunda crise económica e social, que na nosa vila se reflicten nun alarmante descenso de actividade nos principais sectores produtivos (pesqueiro, marisqueiro, conserveiro, hostaleiro, turístico, etc.), a promoción e estudo de novos nichos de creación de riqueza sostible debe ser necesaria, cando non imprescindible.

Falamos de poñer en práctica iniciativas que no seu xerme frecuentemente supoñen un escaso ou nulo custe económico a quen as impulsa, pero que poden axudar á diversificación e dinamización da economía local. Trátase, polo tanto, dunha cuestión de vontade.

Un exemplo recente desta filosofía témolo na colaboración que dende a nosa Agrupación tivemos cos xeólogos da Universidad Complutense de Madrid para que o Geolodía 2014 se celebrase en Cariño. Por suposto, tales actividades presentaron un enfoque didáctico, sempre aberto á participación da poboación interesada.

Este vencello co equipo investigador que dirixe o catedrático Ricardo Arenas nace no ano 2006, pouco despois de facerse público o descubrimento no Complexo Xeolóxico de Cabo Ortegal de rochas de 1152 millóns de anos, o que as situaba como as máis antigas da Península Ibérica e entre as máis lonxevas do planeta. Por iso, ó ano seguinte propuxemos que as III Xornadas de Patrimonio e Desenvolvemento Local fosen integramente dedicadas ás ciencias xeolóxicas baixo o título As rochas máis antigas da Península Ibérica: introdución á xeoloxía do Cabo Ortegal, contando coa participación destes especialistas do máximo prestixio internacional.

Meses despois organizaríase a actividade Un Día con Geólogos con motivo da conmemoración do Día da Terra, no que mesmo se involucrou o programa Natureza da TVG, resultando daquela xornada a emisión dunha reportaxe divulgativa na canle de televisión autonómica. Unha nova mostra de que dende a nosa vila éramos (e somos) quen de levar o coñecemento máis alá das nosas fronteiras municipais.

A finais de 2010 o Concello que tiñamos a honra de presidir publica unha interesante Guía de Campo sobre a Xeoloxía do Complexo de Cabo Ortegal, coordinada e elaborada en boa medida polo profesorado da Facultade de Ciencias Xeolóxicas da Universidad Complutense de Madrid. E xa fóra do goberno local este mesmo ano continuamos, como vimos de sinalar previamente, desenvolvendo actividades na medida das nosas modestas posibilidades como Agrupación Socialista de Cariño.

Queremos con isto deixar patente a nosa firme e constante traxectoria de interese polo coñecemento, de aposta inequívoca polo patrimonio natural do noso territorio, con independencia de que formemos ou non parte do goberno municipal. Con feitos, mediante actividades tanxibles, e sempre afastados da demagoxia e o oportunismo accidental.

Por iso non ofrecemos credibilidade a aqueles que tratan de achegarse dunha forma apresurada, mesmo preelectoral, a eidos como o da xeoloxía ou a divulgación da nosa extensa riqueza medioambiental; falamos dos mesmos que fai tres anos declaraban sen rubor aquilo de que íamos a quedar petrificados. Hoxe comprobamos que, efectivamente, estamos ante un goberno local paralizado, que abandonou a defensa destes valores que, lonxe de ser patrimonio exclusivo d@s socialistas, pertencen a tódolos veciños e veciñas. Mentres tanto, asistimos atónit@s a cómo dende os concellos veciños tratan de acaparar e mesmo sacar rendemento económico do noso.

Como non pode ser doutro xeito, @s socialistas de Cariño seguiremos adiante coas nosas políticas de divulgación e protección do territorio, artellando a maneira máis eficaz de conxugar a defensa do medio natural cun necesario e crecente desenvolvemento económico baseado nun turismo sostible e de calidade.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.