O PSdeG no cruce de camiños: artigo de Pablo Arangüena

Share Button

O abogado Pablo Arangüena, militante socialista de A Coruña, publica hoxe na edición coruñesa de La Voz de Galicia o artigo O PSdeG no cruce de camiños. Unha acertadísima análise do que está en xogo esta fin de semana, non só para o noso partido senón tamén para Galicia. Paga a pena reproducilo aquí:

No seu premiado ensaio A terra quere pobo, do ano 2003, X.L. Barreiro Rivas reflexionaba encol das diferentes oportunidades perdidas pola sociedade galega, manifestándose “en contra do fatalismo histórico” e apostando pola globalización como derradeiro tren para Galicia. Nove anos despois, co que resta da banca galega pendendo dun fío, os sectores naval e leiteiro en liquidación, a pesca na UVI, os servicios públicos en reconversión e unha tasa de desemprego que ronda o 20%, dubido que Barreiro fora quen de manter a súa aposta.

Galicia é un pequeno país periférico navegando á deriva nunha enorme treboada. Por iso é máis necesaria que nunca unha alternativa coherente á política de desguace e parcheo que estamos a padecer. Unha alternativa capaz de formular, na dramática situación actual, políticas que superen o regate curto. Capaz de racionalizar as nosas administracións defendendo o público, ordear o territorio e fomentar os sectores productivos nos que temos algunha vantaxe competitiva, como o forestal, o naval, o acuícola, o eólico, as TIC ou a biotecnoloxía. Capaz, en suma, de implantar unha visión estratéxica de país perante o caos.

O PSdG é a única forza cos mimbres para xerar esa alternativa. Por iso é importante o Congreso desta fin de semana, que elexirá a nova dirección entre dúas opcións nunha mostra de vitalidade democrática, redoblada máis adiante coas primarias para elexir candidato á presidencia da Xunta. E compre dicilo alto e claro: Galicia necesita un mellor PSdG que supere a súa desorientación facendo agromar unha nova política e os galegos merecen un PSdG que eleve o listón e se poña, xa, á altura da súa tarefa. Se isto non se consegue pronto, habería que pensar en fundar, evocando a Ramón Piñeiro, a primeira cátedra internacional de Historia das oportunidades perdidas e Filosofía da saudade. Meigas fora.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.