O verán de 2014: un novo despropósito do goberno municipal

Share Button

altRematou o verán de 2014, o último antes dos vindeiros comicios electorais municipais. Como era previsible, este período vacacional non quedará fixado na retina d@s cariñeses/as como un tempo especialmente agraciado no que ás políticas locais se refire.

Dende o PSdeG de Cariño xa advertíramos reiteradamente do desleixo no que o goberno municipal do BNG estaba sumido, unha abulia que lonxe de ser denunciada polo PP local foi consentida –cando non directamente apoiada- pola formación conservadora. Esta estraña conivencia –única en Galicia- entre dúas forzas teoricamente defensoras de ideoloxías antagónicas levou ó noso Concello a un estado de abandono xeneralizado, unha situación da que faremos un resumo na presente nota.

De tod@s é sabido que os areais do noso territorio albergan un valor medioambiental importante. Se ben ó longo do inverno non se debe facer abandono de funcións na tutela dos mesmos por parte das diferentes administracións (nomeadamente da municipal), aínda menos apropiado é relaxar a atención nos meses en que veciños e visitantes fan un uso lúdico das praias moito máis frecuente. Obviamente, nesas datas deben redobrarse os esforzos de limpeza e adecuación. Falamos de medidas correctoras que afectan a aspectos básicos, como por exemplo garantir unha mínima salubridade.

Por iso parécenos inaceptable o feito de que na praia da Concha, a de mellor accesibilidade dende o núcleo da vila e a máis extensa do Concello, o baño estivese directamente prohibido ó longo de varias semanas estivais. A secuencia de escusas ofertadas dende o grupo de goberno local a tal limitación foi mudando conforme o problema, lonxe de arranxarse, empeoraba paulatinamente ata chegar a afectar tamén ó areal da Basteira.

Unha simple nota colocada nas dependencias consistoriais a modo de anuncio foi a única resposta do goberno municipal. Na mesma atribuíase a orixe do problema a unha fuga de augas fecais resultado duns traballos desenrolados preto da Casa da Cultura, tarefas encargadas polo propio Concello e que se acometían, precisamente, nos meses de verán. Todo un despropósito.

A deficiente limpeza e mesmo a escaseza -nalgúns casos ausencia total- de papeleiras foi outra das constantes nas praias, un feito este último impropio da época que nos toca vivir e que nos retrotrae ós tristes anos en que a nosa fachada marítima estaba degradada, tempos que críamos xa felizmente superados.

Outro tanto veu de acontecer co persistente cheiro nauseabundo que con frecuencia veciños e turistas tivemos que aturar nalgunhas das principais rúas do casco da vila, o que fixo que os hostaleiros mostrasen a súa preocupación pola negativa repercusión económica que tal situación tiña sobre os seus negocios. Unha vez máis a falta de dilixencia por parte do goberno local para executar a habitual limpeza de mantemento do colector xeral rematou por desembocar nunha situación perniciosa.

Non correron mellor sorte os usuarios do Peiral, xa que despois de que os fortes temporais do pasado inverno estragasen as escaleiras de acceso a dito lugar, houberon de soportar con estoicidade a que a reparación se fixese tarde e ás presas. O resultado non podía ser outro que un arranxo deficiente: o servizo de duchas non foi rehabilitado, quedando literalmente reducido a unha simple mangueira. Ver para crer.

Do xa reiterado abandono absoluto o que está sometido a praia de Figueiras nada engadiremos...

Outras deficiencias por tod@s coñecidas deixaron de ser novidade estival, e pasaron a ser habituais, pero non por usuais debemos deixar de facelas patentes. Estámonos a referir ós problemas xerais de alumado en lugares de frecuente tránsito peonil (por exemplo, o paseo marítimo), beirarrúas cheas de herbas, lamentable estado de conservación do pavimento da Praza Roxa, sucidade permanente nas rúas, limpeza tardía da maleza en sendas peonís e pista de acceso ás parroquias e, por suposto, unha rechamante desaparición dos cargos de representación municipal –principalmente a alcaldesa, pero tamén os seus socios ocultos de goberno, o Partido Popular- nas celebracións das festas locais ou mesmo nos festivais organizados polos diferentes colectivos locais.

Nestas últimas datas vemos que, como se dun espellismo se tratase, a obra pública municipal tomou un novo folgo, asistindo os veciños a un rosario de rúas desfeitas e cortadas ó tráfico rodado por mor de traballos apresurados de asfaltado, substitución de tubaxes e outras obras de pequeno calado. Falamos de tarefas nas que mesmo se ten cortado o suministro de auga pública ós domicilios particulares sen que mediase un aviso previo ou, no caso de habelo, feito con tan escaso marxe de tempo que moitas persoas afectadas non chegaron a enterarse do mesmo.

Esa non é a nosa idea do que debe ser un goberno local eficiente e sensible. Dende o PSdeG cariñés sempre tivemos claro que a actuación municipal debe basearse nun modelo de xestión enfocado cara os cidadáns, amosando unha necesaria empatía coa veciñanza, con sensatez e unha rápida capacidade de resolución das súas problemáticas.

Con todo, entre a ampla relación de aspectos denunciables merece unha mención aparte a escombreira que o propio concello está a crear nos terreos anexos á pista de padel (limitando incluso o acceso á mesma, xa de por si paupérrimo) e ó campo de fútbol municipal. Se xa resultaba complexo inculcar na cidadanía un apropiado tratamento dos residuos mediante campañas de concienciación, peche de vertedeiros incontrolados, etc…, máis desolador é comprobar cómo a propia administración é quen contribúe a ofrecer unha imaxe lamentable da nosa contorna (tal como podes ver nas fotografías que acompañan a esta entrada).

Ante tal panorama, @s socialistas de Cariño preguntámonos qué imaxe levarán de nós aquelas persoas que se acheguen dende outras vilas a desfrutar dun encontro de fútbol no noso campo municipal? E o que é máis grave, con qué moralidade se lle pode pedir a un veciño que non abandone os seus enseres domésticos en plena natureza cando é o propio concello o primeiro en incumprir as máis básicas normas de convivencia e tratamento de residuos?

Esta actitude do goberno local provocou a denuncia pública nas redes sociais de veciños e colectivos locais. Este foi o caso, por exemplo, do C.D. Cariño, entidade deportiva que ademais reprochou a falta de iluminación no campo de fútbol municipal.

En canto á promoción dos nosos valores naturais, queremos facer de novo fincapé no abandono das nosas potencialidades xeolóxicas, paisaxísticas ou mesmo ornitolóxicas, entre outras, o que nos tempos que corren supón unha actitude totalmente suicida. Mentres tanto, día a día e pouco a pouco, os concellos veciños vanse apropiado dos nosos valores para beneficio propio.

En definitiva, @s socialistas de Cariño facemos unha avaliación moi negativa da xestión desenvolvida ata o día de hoxe por esta coalición de goberno non declarada, entendéndoa como unha política errática, de incesante improvisación e apatía que irremediablemente acaba reflectíndose nun desastroso estado xeral do noso concello, dende Feás ata Cariño. Non hai parroquia que se tivese librado do abandono municipal provocado pola alcaldesa Seixido e ese socio de feito que é o Partido Popular de Cariño.

Pola nosa banda seguiremos mantendo o noso compromiso coa cidadanía, atendendo as súas queixas e trasladándoas ó Pleno municipal. E, como non podía ser doutro xeito, artellando tamén unha alternativa de goberno que mereza a confianza maioritaria da cidadanía nos comicios municipais do vindeiro ano.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.