Paula Fernández, nova senadora socialista por designación autonómica

Share Button

No Pleno do Parlamento Galego celebrado este martes 25 de xuño tivo lugar a elección de Paula Fernández Pena como senadora por designación autonómica, ocupando o posto que corresponde ó PSOE e que quedara vacante trala renuncia de Pablo García a raíz da súa elección como deputado autonómico nos últimos comicios. A elección de Paula Fernández foi respaldada por PP e PSdeG-PSOE, mentres que AGE votou en blanco e o BNG abstívose.

Paula Fernández Pena é actualmente Alcaldesa de Silleda. Natural desa mesma localidade, é Diplomada en Arquitectura Técnica pola Universidade da Coruña e ten 42 anos de idade. Accedeu á Alcaldía de Silleda nas eleccións de 2007, pero foi desaloxada en outubro de 2009 por mor dunha moción de censura na que participaron dous tránsfugas elexidos na lista do PSdeG-PSOE. Nas eleccións de maio de 2011 obtivo o 47’11 % dos votos e 6 concelleiros, que lle permitiron recuperar o bastón de mando tras un pacto co concelleiro do BNG. Na súa traxectoria á fronte da Alcaldía silledense, Paula Fernández vén realizando unha meritoria xestión, con resultados que constitúen unha referencia a nivel autonómico e que teñen sido un modelo para o municipalismo de esquerda en máis unha ocasión.

A nova senadora xa anunciou que renunciará á Alcaldía de Silleda para cumplir as reglas internas do PSdeG contra a acumulación de cargos, nas que declarou crer firmemente. Dende aquí queremos felicitar á nosa compañeira polo nomeamento e desexarlle o mellor nesta nova andaina, convencid@s da súa valía e confiando en que contribúa á necesaria rexeneración do proxecto político do noso partido.

Nota: A foto que acompaña a esta entrada provén da edición dixital de Faro de Vigo.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.