Pensar dende a esquerda: adeus a Ceferino

Share Button

A segunda entrada publicada nesta web en 2012 (o 5 de xaneiro) foi para despedir a Isaac Díaz Pardo, insigne representante do socialismo galeguista. Na presente -unha das últimas deste ano- queremos rendir homenaxe a Ceferino Díaz, outro querido compañeiro. O ano que remata foi duro en moitos aspectos, entre os que temos que citar a perda de compañeiros e intelectuais de esquerdas, cos que traballamos, cos que compartimos ilusións e sensabores, e dos que aprendemos a diario a través de lecturas ou actitudes vitais. Como modesta homenaxe, voltemos a citar aquí os nomes de Pancho Pita Barge, Luis Galcerán, Isaac Díaz Pardo, José Manuel Pose Mesura, Ceferino Díaz, Luis Gómez Llorente, Gregorio Peces Barba, Francisco Fernández Buey e Eric J. Hobsbawm.

Ceferino deixounos onte, ós 65 anos de idade, despois dunha década loitando sen cuartel contra o cancro. Non era dos que se rinden, así que traballou duramente ate os últimos días. Era un compañeiro querido, admirado e respectado no PSdeG, porque sempre dicía o que pensaba, e porque pensaba por si mesmo.

Natural de Escairón (O Saviñao, Lugo), Ceferino era economista e profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou a súa traxectoria política no PSG que lideraba Xosé Manuel Beiras, ingresando posteriormente no PSdeG-PSOE. Representando ó noso partido foi deputado no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. Era un dos principais representantes da sensibilidade galeguista do PSdeG e tivo un destacado protagonismo na xestación do Estatuto de Autonomía, etapa que analizou no seu libro A esforzada conquista da Autonomía, 1979 – 1981. Unha ollada desde o socialismo galego (Ed. Galaxia). Nestas últimas semanas, Ceferino estaba implicado na plataforma En positivo, que supón unha aposta pola renovación e a rexeneración do PSdeG dende as bases. Ó longo da súa traxectoria política, estivo en varias ocasións en Cariño, normalmente para participar en actos públicos no curso de campañas electorais.

Quen desexe coñecer mellor o que representou Ceferino Díaz debe ler o discurso que pronunciou o pasado 10 de novembro na xuntanza do Comité Nacional Galego. Foi un discurso crítico, comprometido, sen concesións… un discurso que calou en boa parte da militancia alí presente, e que animaba ó partido a abrir unha nova etapa dende abaixo, devolvendo o protagonismo á militancia. O noso compañeiro Blas García, autor dun deses blogs que paga a pena seguir, tivo o acerto de publicar onte a transcrición deste discurso, que podes atopar aquí:

http://www.blasgarcia.com/?p=309

    

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.