Pensar dende a esquerda: Tony Judt

Share Button

Damos hoxe comezo a unha serie de entradas nas que, baixo o título xenérico Pensar dende a esquerda, convidaremos a reflexionar sobre autores, obras ou ideas que conforman a base teórica do pensamento político de esquerdas. Esta quere ser unha sección aberta, na que temos intención de acoller colaboracións externas. Se cres que as túas reflexións e comentarios poden ter cabida aquí, non dubides en contactarnos.

Esta primeira entrega quere ser unha modesta homenaxe a Tony Judt, un intelectual que faleceu en agosto do ano pasado a consecuencia dunha enfermidade dexenerativa. Judt, de orixe xudía, nacera en Londres no ano 1948 e o seu pasamento prodúxose en Nova Iorque, cidade na exercía de profesor universitario, cando contaba 62 anos de idade. A súa especialidade era a Historia Contemporánea, disciplina na que deixou unha importante obra escrita.

En España, a obra de Judt está publicada basicamente na editorial Taurus, que leva traducidos ate agora cinco títulos: Postguerra. Unha historia de Europa desde 1945 (2006), libro de case 1000 páxinas cuxo contido é facilmente deducible do seu título; Pasado imperfecto. Los intelectuales franceses, 1944-1956 (2007); Sobre el olvidado siglo XX (2008), que é unha recompilación de traballos anteriores; Algo va mal (2010, con reimpresións posteriores); e, por último, El refugio de la memoria (2011), que é a súa autobiografía, escrita nos últimos meses da súa vida.

Aínda que os cinco libros son moi recomendables, o que acadou maior sona, ate o punto de ser definido como un dos grandes textos políticos da nosa era, é Algo va mal. Baixo este expresivo título, Judt fai unha contundente defensa da socialdemocracia. Cun estilo áxil e ameno, narra a construcción dos chamados estados do benestar dende o final da II Guerra Mundial e as razóns da súa crise actual, resultado dos males que fan aparición no escenario político occidental a partir dos anos 80: admiración acrítica cara os mercados non regulados, desprezo do sector público e ilusión do crecemento infinito. Escrito a comezos da actual crise económica, e sen adiviñar aínda o seu calado e graves consecuencias, o libro apunta xa o escenario ó que nos está conducindo a doutrina neoliberal: desigualdades sociais crecentes (“la desigualdad es corrosiva. Corrompe a las sociedades desde dentro”, escribe), desemprego masivo, inseguridade, cambio climático e crise ecolóxica… Ante este diagnóstico, Judt reivindica Estados fortes e gobernos intervencionistas, con sectores públicos potentes baseados na tributación progresiva.

Composto por seis capítulos, máis unha introducción e unha conclusión, Algo va mal presenta unha base histórica marcada, narrando as vicisitudes da política europea –e dos debates políticos que lle serviron de soporte- dende o final da II Guerra Mundial. A parte final do libro é un alegato a favor da recuperación do debate político e da conversa pública, da participación e do compromiso, da disconformidade co credo neoconservador que, entre outras cousas, promove a despolitización da sociedade e o descrédito da política como ferramenta para cambiar o mundo.

Estamos vivindo tempos difíciles e o futuro vai a presentarnos retos importantes. Neste escenario de controntación ideolóxica, a esquerda precisa a referentes como Tony Judt.

Deixámosche o enderezo da páxina sobre os libros de Judt na editorial Taurus:

http://www.editorialtaurus.com/es/autor/tony-judt

En internet podes atopar outra moita información de interese, como por exemplo a necrolóxica que publicou o xornal El País tralo seu falecemento.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.