Pleno de investidura: comeza unha nova etapa

Share Button

Onte, sábado, celebráronse os plenos de investidura na inmensa maioría dos concellos de España. En Cariño, a sesión plenaria deu comezo uns minutos máis tarde das 11 da mañá e celebrouse nun ambiente tranquilo e cordial. As tres forzas políticas votáronse a si mesmas, procedemento que garante a elección d@ candidat@ da lista máis votada.

A nova lexislatura inicia, pois, a súa andaina no Concello de Cariño. Purificación Seixido é a nova Alcaldesa e o BNG asume o goberno municipal en solitario. No Pleno de onte, os líderes das tres forzas políticas representadas no Concello amosaron a súa disposición ó diálogo e á colaboración en beneficio da cidadanía cariñesa; os candidatos de PSOE e PP expresaron, ademais, a súa felicitación á nova Alcaldesa. O que non cabe dúbida, en calqueira caso, é que cada partido ocupa un lugar diferente. Ó BNG correspóndelle gobernar o Concello de Cariño. A nós tócanos, por mandato da cidadanía, fiscalizar a súa xestión, escoitar e facer propostas, chegar a acordos, expresar puntos de vista alternativos, ser esixentes, discrepar cando sexa necesario e construir día a día a nova etapa do socialismo cariñés. O PP, pola súa parte, ten que escoller tamén o papel que quere desempeñar a partir de agora.

Nos vindeiros días iremos coñecendo máis detalles da lexislatura que comeza. Os tres partidos teñen que constituir os seus grupos municipais e nomear voceir@; o novo goberno ten que distribuir as áreas de responsabilidade; haberá que aprobar a periodicidade das sesións, a composición das diferentes comisións informativas, etc. Irémoscho contando.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.