“…polo menos pensar que a raza humana está máis evolucionada ca iso”. A Pegada dos Avós en pantalla

Share Button

altA pegada dos avós é o título dun documental que estes días está sendo presentado ó longo da nosa provincia. Dirixido por Xosé Abad, está protagonizado por un grupo de estudantes de bacharelato que indaga no acontecido a raíz do alzamento franquista de 1936. Antes de seguir escribindo, por se alguén ten dúbidas sobre a pertinencia dunha iniciativa deste tipo, o mellor é reproducir a frase que pronuncia unha das rapazas no avance do documental: “Teño gañas de prometerlles que nunca máis vai pasar algo así porque… polo menos pensar que a raza humana está máis evolucionada ca iso” .

Tal como resumen as palabras do propio director, “trátase de sete estudantes de Bacharelato que deciden iniciar a investigación acerca do golpe de Estado franquista de 1936 e as consecuencias que iso tivo. Algúns deles non teñen nin idea de memoria histórica e outros son netos ou bisnetos de falanxistas ou incluso represaliados polo bando republicano. Así que o noso traballo foi facilitarlles varias biografías de xente á que podían entrevistar, das que eles escolleron as que máis lles interesaron, así como xente á que lle podían preguntar polo significado do golpe de Estado, a guerra civil e a ditadura. A película ten a estrutura dunha viaxe. O final non se pode adiantar, pero si se pode dicir que hai sorpresas, alegrías, decepcións e, ao final, un exercicio de transformación nos mozos e mozas que fixeron a investigación(Diario de Ferrol, 23-01-2014).

As historias investigadas polos estudantes son dúas: a do anarquista coruñés José Villaverde e a da comunista mugardesa Amada García, que foi fusilada no castelo de San Felipe en 1938 pouco despois de ser nai, cando o seu fillo aínda non cumprira os tres meses de idade. Os mozos entrevistan ós familiares dos represaliados, pero tamén á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña, ó escritor Manuel Rivas, ó historiador Emilio Grandío (que estivo en Cariño na presentación da novela Winnipeg, do escritor Hixinio Puentes) e ó xuíz Baltasar Garzón.

Con este documental, Xosé Abad e EAF Producións profundizan na súa faceta de documentalistas comprometidos coa recuperación da memoria histórica. EAF Producións defínese como unha pequena produtora independente especializada en contidos de interese social e comprometida coa defensa dos dereitos humanos. Entre os traballos anteriores de Abad atópase O segredo da Frouxeira (2009), un documental que ten como fío condutor o asasinato do alcalde republicano de Serantes Alejandro Porto Leis, desaparecido xunto a outros tres homes o 2 de febreiro de 1938. O novo documental contou coa colaboración de diversas entidades, entre as que se atopan a Asociación Cultural Fuco Buxán, a Fundación 10 de Marzo e a Fundación 1º de Mayo. Ademais, púxose en marcha unha iniciativa de micromecenado ou crowfunding para obter financiamento.

Un dos principais valores deste novo proxecto é que convida a pensar. Como sinala Lorena Bustabad na reportaxe publicada en El País (23-01-2014), @s estudantes voltan da súa viaxe ó pasado “cargados de rabia, preguntas, compasión, dudas y miedo”. E engade: “‘¿Por qué los mataron? Por nada. Los mataron por nada’, reflexiona la cinta. ‘Siento rabia del país en el que vivo. Y miedo’, expresa una de las cuatro chicas protagonistas. Todos rondan los 18 y se rebelan contra el silencio, ‘porque hay gente que aún necesita respuestas’”. Expresan as súas opinións a través de videoblogs, percorren os lugares nos que que aconteceron os feitos, entrevistan a familiares… O punto de partida d@s protagonistas é diverso -xa queda dito que nas súas orixes familiares hai tanto falanxistas como represaliados- mais tod@s rematan reafirmados nos seus ideais democráticos.

Se comezabamos esta entrada coas palabras dunha das protagonistas do documental, queremos pechala coas dun grandísimo historiador, Eric J. Hobsbawm, finado en outubro de 2012: “Marx me hizo ver que la historia es una herramienta sin la cual no podemos comprender nada de lo que sucede en el mundo” (E. J. Hobsbawm, Entrevista sobre el siglo XXI, Crítica, Barcelona 2010 [orixinal italiano 1999], p. 18).

Non deixes de ver A pegada dos avós cando teñas a oportunidade. Entre tanto, convidámosche a pasarte pola páxina web do filme:

http://www.apegadadosavos.com/index.php/es/

E tamén a ler o artigo que Henrique Dacosta asina en Diario de Ferrol:

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/pegada-avos/20140130005920073432.html

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.