Presentación da candidatura do PSdeG-PSOE: tod@s xunt@s para recuperar Cariño

Share Button

O pasado domingo, día 19 de abril, @s socialistas de Cariño celebramos o acto de presentación da nosa candidatura ás eleccións municipais do vindeiro 24 de maio.

Ás seis da tarde, nun Auditorio Municipal ateigado de xente, comezamos a expoñer as que serán as liñas básicas dun proxecto cuxo fin prioritario é recuperar Cariño.

O acto, presentado polo Secretario de Organización da Agrupación Socialista de Cariño, Jonathan Miranda, contou coas intervencións de Paula Fernández Pena, senadora e ex alcaldesa de Silleda; do voceiro socialista no Parlamento galego José Luis Méndez Romeu; e do noso candidato á Alcaldía de Cariño José Miguel Alonso Pumar.

Comezou tomando a palabra Jonathan Miranda, quen puxo de manifesto a actual situación de desgoberno que atravesa o consistorio, resultado da estraña colaboración entre o BNG e o Partido Popular, o que vén de provocar coñecidos problemas internos nesas formacións políticas. “É difícil que alguén goberne a casa de todos e todas cando non é quen de gobernar a propia”, dixo.

Pola súa banda, Paula Fernández expresou a súa absoluta confianza na capacidade do noso candidato –de quen é compañeira no Comité Nacional Galego do PSdeG- para mellorar a actual situación de Cariño. Animouno a poñer en práctica “unha política de proximidade, achegada @s veciñ@s e ás súas inquedanzas”, ó tempo que puxo en valor as institucións municipais como as administracións que máis poden facer polos cidadáns.

José Luis Méndez Romeu marcou os comicios municipais como o punto de inflexión para o cambio político estatal, amosándose convencido de que as forzas cunha ideoloxía socialdemócrata acadarán uns bos resultados. Falou tamén da longa traxectoria de compromiso d@s socialistas con Cariño. Rematou sinalando que será importante un xiro político en Cariño, xa que aqueles concellos liderados por gobernos socialistas non se conforman unicamente con prestar os servizos básicos ós que a lei lles obriga, senón que procuran sempre uns servizos sociais, educativos e asistenciais públicos do mellor nivel.

Pechou o acto José Miguel Alonso Pumar presentando a cada integrante da candidatura. Antes tivo un momento para fixar tres dos puntos fundamentais do programa electoral co que o PSdeG-PSOE de Cariño se presenta ante os veciñ@s: a loita polo emprego, a creación dun Punto de Atención Infantil e a posta en marcha do Centro de Día e Residencia de Maiores.

Esta é a nosa candidatura para as eleccións do 24 de maio:

1. JOSÉ MIGUEL ALONSO PUMAR

2. ALBERTO IGLESIAS FRAGUELA

3. MARIA JOSÉ FRAGUELA LOPEZ (Independente)

4. JONATHAN ISMAEL MIRANDA LUCAS

5. IRIA RUBIDO PARDO (Independente)

6. ANA ISABEL FACHAL FRAGUELA

7. JUAN MANUEL GARROTE BALADO (Independente)

8. XOSÉ LOIS ARMADA PITA

9. SARA REY LOPEZ (Independente)

10. MARÍA LUISA NOVO FRAGUELA

11. JESÚS LUIS HEVIA SANTIAGO

Suplentes:

1. JOSÉ MANUEL PEREZ REY

2. MARÍA DEL CARMEN MARTÍNEZ GONZÁLEZ

Como verás, o equipo está integrado por sete homes e seis mulleres comprometid@s co proxecto socialista cariñés.

Cada candidatura debe ter un mínimo de once membros, que é o número de concelleir@s que corresponden á corporación municipal cariñesa por poboación. Opcionalmente cada candidatura pode incorporar un ou máis suplentes. Como verás, nós presentámonos con dous suplentes, o que compón unha lista de trece persoas.

Apostamos por unha renovación de aproximadamente o 50%: sete dos trece membros figuraron na candidatura ás municipais de 2011; temos, polo tanto, seis novas incorporacións. Reforzamos a nosa aposta pola implicación da xuventude na política municipal: a media de idade dos cinco primeiros integrantes da candidatura non chega ós 34 anos, sendo o propio candidato o maior de todos eles.

En toda a candidatura –e especialmente nos seis primeiros postos– hai persoas con experiencia na xestión municipal ou integradas no tecido asociativo local (en asociacións como Faroleiro ou S. Xiao do Trebo).

Estamos convencid@s de ter o mellor equipo. A nosa candidatura aposta forte pola xente xoven. Pero, ó mesmo tempo, ofrecemos experiencia na xestión municipal e no asociacionismo cariñés. Modestamente, cremos ter a candidatura que necesitamos para #RecuperarCariño.

Dende o PSdeG-PSOE de Cariño queremos dar as grazas a tod@s @s veciñ@s polas súas mostras de apoio, o que sen dúbida anímanos a seguir adiante con máis e mellores folgos. E farémolo con moita humildade e contando con tod@s. Así debe ser.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.