Presentación das memorias de Rafael Pillado en Cariño

Share Button

O vindeiro sábado 12 de maio, ás seis da tarde, terá lugar en Cariño a presentación do libro O latexo da vida e da conciencia. Memorias colectivas de Rafael Pillado – I. O acto,  organizado conxuntamente pola Agrupación Socialista de Cariño e a Asociación Cultural Fuco Buxán, terá lugar no Local Social da Casa do Concello. Intervirán Jonathan Miranda (membro da Agrupación Socialista de Cariño), Fernando Ocampo (directivo de Fuco Buxán) e Rafael Pillado (autor do libro).

Rafael Pillado Lista (San Cibrao – Cervo, 1942) reside en Ferrol dende os dous anos, a onde chega seguindo ó seu pai, preso no Castelo de San Felipe pola súa militancia antifranquista. Ós 15 anos incorpórase á Escola de Aprendices de Bazán, empresa onde transcorre a súa vida laboral ate a xubilación. En 1960 afíliase ó PCE, desenvolvendo unha intensa actividade política e sindical. Participa na fundación do sindicato Comisións Obreiras (o seu carnet é o número 2 de Galicia). Detido e encarcerado en varias ocasións, por mor dos sucesos do 10 de marzo de 1972 é procesado polo TOP no coñecido como Xuízo dos 23, sendo condeado a sete anos de cárcere, dos que cumpre catro, ate ser amnistiado na transición. Cofundador do PCG, militou despois na Asemblea para a Unidade dos Comunistas, Partido dos Traballadores e PSOE. Na actualidade é membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e Vicepresidente da Asociación Cultural Fuco Buxán.

A publicación deste libro coincide co 40 aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol, nos que faleceron dous traballadores e resultaron feridos moitos outros. Aquelas movilizacións obreiras supuxeron un momento clave na loita contra o franquismo e situaron ó movemento obreiro ferrolán na vangarda da loita pola democracia en España. O libro pretende ser, polo tanto, unha homenaxe a todo o movemento obreiro e un recoñecemento ás persoas que loitaron en Galicia polas liberdades democráticas.

Ó mesmo tempo, a Agrupación Socialista de Cariño, coa presentación deste libro na nosa vila, queremos inaugurar un programa de actividades públicas que periodicamente traerá a Cariño e ás parroquias do seu Concello actividades como conferencias, presentacións de libros, excursións, etc. En breve seguiremos informando. Se estás interesad@, non dubides en achegarte á presentación, este sábado día 12 ás seis da tarde.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.