Primarias do PSdeG: resultados en Cariño e valoracións

Share Button

altO socialismo galego vivíu onte unha xornada sen precedentes ó celebrar unhas eleccións primarias para decidir o nome do seu vindeiro Secretario Xeral. As primarias tiñan un carácter consultivo e o resultado das mesmas deberá ser ratificado no Congreso Extraordinario que o partido celebrará o vindeiro día 29 deste mes en Santiago de Compostela. Os pronósticos cumplíronse e José Ramón Gómez Besteiro obtivo –co 85 % dos votos escrutados- unha cómoda victoria que rondou o 77 % dos apoios, mentres que o outro candidato, Manel Vázquez, quedouse nun 21 %. A participación foi algo superior ó 60 %.

En Cariño os resultados diferenciáronse notablemente da tendencia maioritaria. O Alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez, gañou a consulta recibindo o 50 % dos votos emitidos. Gómez Besteiro obtivo un 25 % e o outro 25 % foron votos en blanco. Participou na consulta o 80 % da militancia. Deste xeito, a nosa Agrupación sumouse a algunhas outras nas que Manel Vázquez foi o candidato máis apoiado, caso de A Baña, Bergondo, Boiro, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Padrón, Porto do Son, Ribadumia, Ribeira, Tomiño ou Vilanova. En canto ó resto das agrupacións do Ortegal, a candidatura de Gómez Besteiro gañou comodamente en Cerdido, Mañón e Ortigueira, mentres que en Cedeira o voto en blanco foi a opción maioritaria.

Onte elexíanse tamén nas distintas agrupacións @s delegad@s ó Congreso Extraordinario do día 29. En Cariño a única proposta presentada, a da nosa Secretaria Xeral Ana Fachal, recibíu o apoio unánime da militancia de xeito que será ela quen nos represente no Congreso.

Dende aquí queremos felicitar ó noso compañeiro José Ramón Gómez Besteiro, que, con toda probabilidade, convertirase no vindeiro líder do PSdeG no Congreso do 29 de setembro. Agora queda o máis difícil: facer deste proceso o primeiro paso dun proxecto de cambio, con vocación maioritaria e capaz de respostar ás necesidades da sociedade galega. A militancia socialista de Cariño vai estar aí, ó lado do novo Secretario Xeral, achegando o seu gran de área para a consecución destes obxectivos.

A foto que acompaña a esta entrada provén da edición dixital de El País.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.