Primarias no PSdeG: visita de Manel Vázquez á comarca do Ortegal

Share Button

altO sábado 7 de setembro a militancia do PSdeG está chamada a votar nas distintas Agrupacións locais ó novo Secretario Xeral. É a primeira vez, en Galicia e en España, que @s militantes socialistas eleximos ó líder do partido mediante voto directo, en lugar do procedemento tradicional de elección nun congreso con delegados. En realidade o congreso celebrarase o domingo 29 de setembro en Santiago de Compostela, pero a militancia socialista –e especialmente os dous candidatos en liza- comprometeuse a facer valer o resultado das primarias consultivas. Non debemos ocultar o carácter pioneiro e en boa medida experimental deste proceso, que, en todo caso, cos defectos que poda ter, supón un paso adiante na democratización do partido.

Dous compañeiros postuláronse para suceder a Pachi Vázquez no liderado do PSdeG: o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez. Ambos conseguiron obter máis do 10 % dos avais da militancia que, en modo de sinatura, eran necesarios para concurrir a este proceso (o PSdeG conta cuns 11250 militantes; Besteiro recabou 5189 avais e Vázquez 1307).

Dende hai uns meses, ambos candidatos comezaron a percorrer as comarcas na procura de apoios, primeiro na colleita de avais e dende a pasada medianoite en campaña oficial ás eleccións primarias. Como xa recollemos na nosa web, Gómez Besteiro visitou a comarca do Ortegal o pasado 11 de xuño, celebrando un acto en Espasante que contou coa presenza de parte da militancia cariñesa.

Este martes 27 de agosto foi Manel Vázquez quen se achegou á comarca, celebrando un acto no local da Agrupación Socialista de Cedeira que tivo lugar ás oito da tarde. Alí estivemos novamente un grupo de militantes de Cariño para escoitar as súas propostas. O Alcalde da Illa, un concello tamén segregado (en 1995 independizouse de Vilanova de Arousa), desgranou as principais liñas do seu programa, artellado en torno a catro eixos principais: Municipalismo; Agrupacións Locais; Federalismo; Defensa do Público e Participación Cidadá. Trala súa intervención, prodúxose un animado coloquio co público asistente.

Manel Vázquez destacou o efecto positivo que as primarias están a ter no PSdeG, pois están servindo para debatir, para revalorizar o papel da militancia e para dinamizar as agrupacións. Nos vindeiros días ambos candidatos continuarán visitando as Agrupacións e celebrando actos para explicar os seus respectivos proxectos.

Os candidatos contan con páxina web, que podes visitar se queres coñecer polo miúdo as súas propostas:

 

José Ramón Gómez Besteiro

http://gomezbesteiro.com/

Manel Vázquez

http://www.candidatomanel.com/

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.