Primarias para o novo proxecto do PSdeG

Share Button

O PSdeG-PSOE reuníu onte pola tarde en Santiago de Compostela ó seu Comité Nacional Galego, do que forma parte o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar, co obxectivo principal de establecer o calendario e as normas que rexirán a elección d@ vindeir@ Secretari@ Xeral (a foto que ilustra esta entrada, tomada na reunión de onte, provén da páxina web de La Voz de Galicia).

A decisión de elexir ó novo líder do partido mediante primarias abertas a toda a militancia fora adoptada por abrumadora maioría nunha reunión anterior deste órgano. Sen embargo, os detalles que regularían estas hipotéticas primarias non foron definidos entón e, en posteriores citas da dirección galega con Ferraz, acadouse un acordo que non convenceu a ninguén e que seguía mantendo numerosas incógnitas. Por esta razón, a proposta foi desestimada e onte someteuse á consideración do Comité Nacional un novo plan que agarda contar co beneplácito da dirección federal. Esta proposta, que aspira a ser definitiva, obriga a aprazar a data do Congreso no que se renovará o liderado o PSdeG, que estaba previsto para o mes de xullo e que finalmente terá lugar o 29 de setembro; unhas semanas antes, o 7 de setembro, terán lugar as eleccións primarias nas distintas Agrupacións e a elección d@s delegad@s ó Congreso.

De todo este proceso cabe extraer lecturas positivas e negativas. A positiva é que a democratización do partido ábrese camiño. Tódol@s afiliad@s ó PSdeG-PSOE poderán elexir en urna ó seu novo líder, o que supón un cambio substancial con respecto ó modelo anterior, no cal a Secretaría Xeral decidíase co voto duns poucos centos de delegad@s nun Congreso. No lado negativo debemos situar os titubeos, as contradicións e a lentitude coa que se ten chegado a este novo procedemento.

Agora chega o momento no que @s candidat@s á Secretaría Xeral deben posicionarse e dar a coñecer o seu proxecto a toda a militancia. De momento amosaron explicitamente a súa decisión de competir polo liderado do PSdeG o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de A Illa de Arousa, Manuel Vázquez. O voceiro da corrente de opinión Novo Socialismo Galego, o exalcalde de Fene Iván Puentes, é probable que remate sumándose á loita. O actual Secretario Xeral Pachi Vázquez non acaba de clarexar o seu futuro, se ben un sector da militancia pídelle que se autodescarte para garantir a neutralidade do proceso. Finalmente, non hai que desbotar que aparezan nov@s candidat@s, como o noso Secretario Xeral Provincial Francisco Caamaño, que declarou a súa negativa a presentarse se non había primarias abertas pero que podería sumarse unha vez determinado que o novo líder do PSdeG será elexido por votación directa de toda a militancia. O regulamento que se pretende aplicar implica que tódalas persoas que aspiren á Secretaría Xeral deberán concurrir ó proceso de primarias, e que @s candidat@s comprométense a respectar o resultado da votación no Congreso que se celebrará unhas semanas despois.

Coa decisión de elexir a Secretaría Xeral mediante primarias, o PSdeG vai a marcar tendencia en toda España. Sen embargo, sería inxenuo pensar que os problemas do partido quedan resoltos con esta novidade. As primarias son un paso adiante, sen dúbida necesario, pero o partido ten que seguir traballando para ofrecerlle á cidadanía un proxecto renovado, ambicioso, combativo e adaptado ós tempos que corren. Unha vez que goberno de Rajoy asumíu o seu fracaso, e recoñeceu que non vai a ser capaz de reducir o paro en toda a lexislatura, a maioría social espera máis que nunca un socialismo de vangarda capaz de construir un novo proxecto de país. Os retos son os máis difíciles que se teñen plantexado en décadas; non podemos defraudar.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.