Propostas programáticas: educación e xuventude

Share Button

Unha das nosas propostas principais nesta área é a creación dunha gardería infantil, que a día de hoxe é necesaria en Cariño.

Defendemos que é posible e tamén necesario ampliar a oferta educativa nos centros de ensino. Unha axeitada formación da cidadanía é a mellor garantía para o progreso dun Concello e, por esta razón, temos que apoiar os nosos centros de ensino, colaborar con eles e promover a ampliación da súa oferta educativa, incluindo novos ciclos profesionais que teñan demanda entre a nosa xuventude. Tamén temos intención de promover a creación en Cariño dunha Aula da Escola Oficial de Idiomas dependente do centro de Ferrol, na que se impartan clases de inglés e, se contan con demanda, tamén doutros idiomas.

Propoñemos canalizar as inquedanzas da xente nova máis mediante a creación da Concellería de Xuventude, inexistente no Concello nos seus 23 anos de vida. Entre as súas funcións estaría a de promover o asociacionismo xuvenil e a participación en ámbitos como o deporte, a cultura, etc.

Como non podía ser doutro xeito, queremos manter e potenciar o Ortegal Rock, unha creación do noso Goberno Municipal en 2004. Unha vez asentado o festival, como novidade para esta lexislatura prevemos establecer sistemas de participación para que a cidadanía poda tomar parte en tódalas fases organizativas (selección dos grupos, deseño de cartelería e merchandising, etc.).

En relación co punto anterior, estamos interesados en fomentar a cultura musical, a través da Escola Municipal de Música, da cesión de locais de ensaio, concursos musicais, apoio ós grupos noveis, etc.

Máis propostas relacionadas con Educación e Xuventude podes atopalas noutras seccións do noso programa, como Cultura e tempo libre, Educación ou Emprego e diversificación económica.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.