Propostas programáticas: tres liñas de traballo prioritarias

Share Button

Esta nova sección, que hoxe inauguramos, ten como obxectivo explicar as liñas xerais do noso proxecto para os vindeiros catro anos. Os programas electorais convencionais, que habitualmente distribúense en papel, en formato tríptico, apenas permiten unha sucinta enumeración das principais propostas. Dado que moitas delas precisan unha explicación máis pormenorizada, aquí iremos desgranando os detalles dos nosos obxectivos prioritarios. Queremos lembrarche, en calquera caso, que o noso programa é unha proposta aberta, en constante elaboración, e que polo tanto podes enviarnos calquera idea que consideres de interese a psoecarino@yahoo.es

Imos comezar hoxe cunha panorámica xeral. O noso programa electoral, como é habitual, divídese en varias áreas. Sen embargo, consideramos que, ó mesmo tempo, a totalidade das nosas propostas poden agruparse en tres liñas prioritarias de traballo que resultan claramente complementarias.

A primeira gran liña é unha das columnas vertebrais do ideario socialista: servizos públicos de calidade. O noso traballo no Concello, dende a súa creación, vense encamiñando en boa medida a este obxectivo, que é premisa esencial de todo o demais: sen uns bos servizos públicos de calidade, unha sociedade está condeada ó fracaso. Entendemos servizos en senso amplo: sanidade, educación, recollida do lixo… pero tamén cultura, deportes, lecer, urbanismo…

É fundamental consolidar e garantir a sostenibilidade dos servizos que presta o Concello. Pero tamén temos que ir máis alá, por exemplo loitando por mellorar a atención sanitaria, cunha consulta diaria de pediatría a horario completo e con consultas de odontoloxía e fisioterapia. Pretendemos abrir de inmediato o Centro de Día e Residencia de Maiores e ampliar o horario da piscina municipal, así como ampliar a súa oferta e construir un ximnasio municipal. Consideramos tamén prioritaria a creación dunha gardería infantil.

A segunda liña de traballo é o emprego e a diversificación económica e a ela queremos darlle unha prioridade especial nesta lexislatura. Temos que crear chan industrial e fomentar a instalación de novas empresas. Tamén debemos seguir loitando pola mellora das vías de comunicación que nos conecten con rapidez ós principais núcleos, cidades e infraestructuras viarias. Queremos impulsar unha nova política de formación ocupacional, atendendo a sectores como as enerxías renovables. Ademais, como é lóxico supor, potenciaremos os nosos sectores productivos tradicionais (pesqueiro, conserveiro, marisqueiro, forestal…) e seguiremos mellorando a nosa oferta turística en estreita colaboración co sector hostaleiro.

A terceira liña de traballo xira en torno á idea da democracia participativa. Queremos instaurar os presupostos participativos, de xeito que a cidadanía poda definir prioridades e decidir o xeito de gastar unha parte do presuposto municipal. Tamén queremos mellorar a comunicación coa cidadanía, axilizando a distribución de información e facilitando todo tipo de trámites. Pretendemos seguir creando espazos de participación. En concreto, queremos crear unha auténtica rede de centros sociais en tódalas parroquias, que sexan lugares para desenvolver actividades, pero tamén puntos de información municipal, de acceso a internet e dotados dunha programación continuada de actividades.

O que vimos de expor é, como xa dixemos, unha breve panorámica. Nas vindeiras semanas teremos ocasión de concretar e, sobre todo, ampliar as nosas propostas programáticas. Moitas grazas polo teu interese.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.