Recortes na educación pública: Cariño de mal en peor

Share Button

altFai case dous anos, no mes de maio de 2013, publicabamos nesta mesma web os resultados dun estudo elaborado polo noso compañeiro Antonio Álvarez Cisneros, Secretario de Educación na Executiva Provincial do PSdeG-PSOE, no que se avaliaban os recortes orzamentarios que a Xunta de Galicia viña de aplicar nas partidas adicadas a gasto de funcionamento nos centros de ensino público durante o período 2009-2013. As conclusións constataban que a comarca de Ortegal era, entre tódalas da provincia, a máis prexudicada.

Nestes últimos días Álvarez Cisneros fixo públicos os resultados dun novo estudo dos investimentos da Consellería de Educación durante o período 2009-2015, é dicir, dende que Núñez Feijóo preside o goberno galego. Dos resultados tírase unha conclusión evidente: a situación actual non dista moito da que denunciabamos na primaveira de 2013.

Os centros educativos de Ortegal ven como a Xunta lles aporta unhas dotacións orzamentarias para gasto de funcionamento (por exemplo para sufragar papel, teléfono, gasóleo para caldeiras ou mantemento de impresoras) un 10’12% inferiores respecto ás que recibían no ano 2009. A iso temos que engadir unha suba no custe da vida (IPC) dun 8’7%, polo que a diferencia real alcanzaría o 18’82% de redución.

Pero se Ortegal está no podium dos recortes na provincia, o CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño ostenta o triste galardón de ser o centro de educación infantil comarcal máis castigado polo goberno do Partido Popular, o que non deixa de ser sarcástico tendo en conta o seu nome.

Mentres no CEIP Nicolás del Río de Cedeira o investimento cae en 232 euros, no CEIP da Barqueira en 864 euros e no CEIP José María Lage de Ortigueira perden 946 euros -cifras todas elas preocupantes- o noso colexio percibe 2.914 euros menos. É dicir, un 308% menos que o segundo centro máis prexudicado.

Paralelamente centros como o CEIP Francisco López Estrada de Mañón e o CEIP San Ramón de Moeche ven como se aumentan as súas partidas en 1.108 e 796 euros, respectivamente.

O panorama non é moito máis favorable para o IES Cabo Ortegal xa que no 2015 percibirá 2.599 euros menos que no ano 2009; tal e como indicabamos anteriormente, a esta caída habería que engadirlle unha suba do IPC dun 8’7%.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño preguntámonos en voz alta qué lle teremos feito tódol@s veciñ@s do concello ó goberno de Núñez Feijóo para que maltraten ós centros educativos de Cariño, e polo tanto a correcta formación dos nos@s nen@s, dun xeito tan teimudo. O que pode ter por seguro a cidadanía é o noso compromiso inquebrantable coa denuncia daqueles casos que, como o presente, ataquen ós nosos servizos públicos básicos. Non pararemos ata revertir esta situación.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.