Recuperar Cariño: un obxectivo que necesita de tod@s

Share Button

altAsí o pensamos @s socialistas de Cariño. Neste concello non sobra ninguén. Máis ben ó contrario: tod@s somos moi necesari@s. Así debería ser sempre, pero máis aínda se cabe nestes tempos de crise.

Na Agrupación Socialista de Cariño vimos traballando dende hai tempo, de xeito humilde e sosegado pero con paso firme, no noso principal compromiso: recuperar Cariño. E para acadalo sempre crimos necesario apostar pola transparencia e a democracia interna, sometendo ó dictame da militancia as decisións e facendo público o resultado dos procesos internos. Un exemplo de tal compromiso é ter publicado neste mesmo espazo web os resultados de cada cambio orgánico producido no partido ou, por citar un caso recente, a elección mediante voto en urna de José Miguel Alonso Pumar como o noso candidato á Alcaldía. Dificilmente poden defenderse estes valores se non comezamos por practicalos na casa.

E da política interna ó realmente relevante: o noso concello. Por iso dende a pasada primavera vimos de acometer unha longa xeira de reunións con máis dunha ducia de representantes dos sectores produtivos e laborais, entidades deportivas, colectivos cidadáns ou asociacións sociais e culturais locais. Xuntanzas que podemos cualificar de enormemente produtivas e interesantes, e que serviron de termómetro para coñecer de primeira man as verdadeiras inquedanzas da cidadanía cariñesa. E como mostra sincera do noso interese por sentir o pulso social cariñés determinamos non dar publicidade ós encontros durante todo o período no que se foron producindo, sen fotos nin comentarios na internet. E así o fixemos.

Pero non imos a deternos aí, nin moito menos. Ese foi un primeiro e importante chanzo, mais fáltasnos ti. Sempre tivemos interese na túa opinión, pero especialmente agora queremos coñecer con claridade as inquedanzas, ideas ou proxectos que teñas en mente e que poidan axudar a que fagamos de Landoi, Feás, Sismundi, A Pedra ou Cariño lugares mellores para vivir. Ese é o fin último. E para elo non pedimos ningunha afiliación política nin ideolóxica; só interese, gañas e paixón pola nosa terra e polo seu futuro. Estamos abertos a unha participación ampla e fluída, sen autoritarismos nin soberbia, conscientes de que ninguén ten a razón absoluta e de que o futuro vámolo a escribir entre tod@s.

Por iso agardamos recibir as túas achegas sobre os temas que máis nos interesan @s socialistas de Cariño -e estamos convencidos que a toda sociedade- como son o fomento do emprego, mellora dos servizos sociais, educación, sanidade, medio ambiente, etc… ou calquera outro que ti estimes relevante. Para facelo só tes que escribirnos un email a psoecarino@yahoo.es, onde queremos recoller as iniciativas que poden servir para a elaboración dun programa electoral de tod@s e para tod@s.

O reto de recuperar Cariño comeza agora. Será unha tarefa complexa, pero posible, e que só seremos quen de acadar traballando arreo, con sensibilidade e unha alta capacidade de escoita ante as preocupacións de cada persoa, colectivo ou sector.

E unidos porque, como dicíamos ó principio, neste concello tod@s facemos falta. Ti @ primeir@.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.