Rematando unha intensa campaña: graciñas por seguirnos!

Share Button

Dentro de poucas horas remata a campaña electoral. O noso último acto terá lugar hoxe ás nove da noite no Auditorio Municipal, coas intervencións de Lois Armada, Alberto Iglesias, Marisa Novo e o noso Alcalde e candidato José Luis Armada. Incluirá, como xa vimos anunciando, a proxección de material audiovisual.

Rematan semanas de intenso traballo, nas que fomos sempre vangarda: fomos a primeira opción política en anunciar o nome do candidato, elexido en asamblea mediante a votación en urna da militancia (ver a entrada do 16 de xaneiro, co título A Asamblea ratifica a candidatura de Armada Castro); a primeira en presentar a súa candidatura (o 17 de abril); a primeira en publicar o programa electoral; e a que tivo unha presenza máis intensa e regular en internet. Ademais, publicamos o número 10 do noso Boletín de Información Municipal e fomos, asemade, a forza política que realizou máis actos públicos.

Mantivemos, pois, o noso compromiso coa información e tentamos achegar argumentos para que podas tomar unha decisión meditada sobre o teu voto este domingo. Non gañamos, como xa anticipamos, no número de carteis pegados, porque para nós as campañas electorais son outra cousa.

Se tiveches a ocasión de seguirnos ó longo destas semanas, seguramente tes unha idea clara do que foi a nosa xestión nos últimos catro anos, e tamén dos principais puntos do noso programa electoral para a vindeira lexislatura. A campaña estivo marcada, ademais, por feitos que merecen algún comentario.

Nos primeiros días tivo especial protagonismo a manifestación promovida polas nais e pais do Ortegal para reclamar melloras na consulta de pediatría. Estivemos nesa movilización, que apoiamos dende o primeiro momento tanto no plano institucional, dende o Concello, como político. O 7 de maio publicamos na páxina unha entrada co título A consulta de pediatría: 15 meses apoiando unha causa xusta, na que resumimos os principais fitos desa loita e a nosa implicación na mesma. Se o domingo contamos co apoio maioritario da cidadanía, temos intención de situar esta reivindicación no primeiro plano da acción política. Fixemos algo similar en 2003, cando retomamos o Goberno Municipal e relanzamos a reclamación das gardas de presenza física as 24 horas e do servizo de ambulancia, en ambos casos con resultados positivos. A sanidade pública non é unha prioridade para o PP, pero as nais e pais do Ortegal teñen toda a razón e imos apoial@s ata o final na súa loita, que terá resultados positivos.

No tramo final da campaña estase producindo un fenómeno a escala global que merece atención. Referímonos ás concentracións que están tendo lugar en todo o país reclamando unha democracia real, máis autonomía con respecto ós mercados financeiros, o cese dos recurtes sociais, etc. Todavía están por ver os resultados finais deste fenómeno, pero xa non sería en balde se servise para abrir novos cauces de participación da cidadanía na vida pública. Tamén aquí podemos presumir dunha certa visión anticipatoria: o 3 de marzo recomendamos nesta páxina, na sección As nosas suxerencias, o libro de Stéphane Hessel que servíu, entre outros, de inspiración a este movemento. Ademais, somos a candidatura que aposta máis firmemente pola implantación dos presupostos participativos e por crear novos espazos de participación a través dunha rede de centros sociais en tódalas parroquias. De todo isto comezamos a falar xa o 26 de abril ó presentar as liñas mestras do noso programa na entrada Propostas programáticas: tres liñas de traballo prioritarias. Aínda que resulte politicamente incorrecto dicilo nestas datas, cómpre destacar que a participación cidadá tamén require da cidadanía traballo, compromiso, esforzo por estar informada… Mais temos a certeza de que hai moita xente disposta a implicarse e a seguir este camiño. Facendo un Concello aínda máis participativo sairemos gañando.

Outro feito reseñable durante a campaña, polo novidoso, foi a liña crítica co noso partido iniciada polo BNG, cuestionando a xestión do bipartito nas dúas últimas lexislaturas -da que eles, gústelles ou non, tamén son responsables- e anunciando a súa intención de non pactar con ningún outro partido despois das eleccións. Alá cada quen e as súas circunstancias. Nós facemos unha valoración positiva da experiencia de goberno en coalición e, sexan cales sexan os resultados deste domingo, temos a man aberta para comprometernos e chegar a acordos -con tódalas forzas políticas que obteñan representación- en beneficio da cidadanía deste Concello. Agora ben, vistas as circunstancias, cremos que o único resultado que garante un goberno sólido e solvente é unha victoria ampla do noso partido.

Con estas consideracións, damos por pechada a nosa campaña electoral en internet convidándote a asistir hoxe ó acto que celebramos no Auditorio Municipal, a partir das nove da noite. Facémolo, ademais, agradecendo especialmente a atención que nos prestaches ó longo destas semanas. Se cres que somos a mellor opción, acude a votarnos e axúdanos a gañar. Despois da noite do domingo, retomaremos a actividade na rede coa intensidade habitual, apostando con forza por Cariño, polas súas parroquias e pola súa xente.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.