Romaría a San Xiao do Trebo

Share Button

Este sábado, día 28, celébrase unha das citas máis importantes da vida social cariñesa, a romaría a San Xiao do Trebo. Centos de persoas congregarémonos nas inmediacións do Cabo Ortegal, en torno á capela do mesmo nome, nun entorno natural privilexiado. Non hai previsión de choiva.

Por primeira vez dende 2003, a organización da festa corre a cargo dunha Comisión de Festas independente, desvinculada do goberno municipal. Sabemos que os seus integrantes traballaron, e seguen a traballar, intensamente e con ilusión. Desexámoslles o mellor.

Entre outras novidades, este ano haberá unha Baixada Nocturna, coa que se pretende que, cara a medianoite, @s valentes que aínda se atopen en San Xiao descendan conxuntamente a Cariño; a festa seguirá pola noite nos locais da vila. Por outro lado, o Clube Camper de furgonetas aproveita a ocasión para celebrar en Cariño a súa primeira concentración do ano, participando na romaría e organizando unha mostra durante a mañá do domingo na Praza Roxa.

Agardamos que podas estar esta fin de semana en Cariño. A ocasión mereceo. Se non che resulta posible, desfrutaremos á túa saúde desexando que podas vir o ano vindeiro.

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.