Saúda do Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Cariño

Share Button

altHai case un mes, o pasado 22 de febreiro, José Miguel Alonso Pumar foi elexido Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Cariño por unanimidade en Asemblea Extraordinaria. Ó día seguinte publicamos nesta web unha entrada dando conta da noticia, resumindo o seu perfil profesional e político e informando da composición da nova Executiva Local. A comezos de marzo La Voz de Galicia publicou unha reportaxe-entrevista asinada pola xornalista Ana F. Cuba, que reproduxemos aquí. Agora completamos a secuencia coa publicación deste saúda redactado expresamente polo noso compañeiro para esta páxina web.

 

Estimad@ veciñ@,

Como probablemente xa saberás, o pasado día 22 de febreiro @s afiliad@s da Agrupación Socialista de Cariño renovamos a nosa Executiva Local da que, dende entón, teño a honra de ser o novo Secretario Xeral grazas ao apoio dos meus compañeir@s. Tomo así o relevo no cargo deixado por Ana Fachal, quen vén de desenvolver unha importante tarefa que a bo seguro terá solución de continuidade no novo rol que nesta Executiva entrante lle agarda. O meu sinceiro recoñecemento para esta magnífica compañeira.

O novo equipo de traballo comeza esta andaina plenamente consciente da complexidade que para a política -e todo aquilo que xira en torno a ela- ten esta convulsa época que nos toca vivir. É ben certo que os diversos escándalos, casos de corrupción e procesos xudiciais que brotan dos estamentos públicos afondan no descrédito e desafecto que @s cidadáns sinten cara a política, mais non podemos resignarnos e quedar cruzados de brazos sen tratar de mudar a situación, e para iso estamos dispostos a traballar arreo coa máxima ilusión.

Este que nace é un proxecto no que se mistura a xuventude coa solvencia demostrada por persoeiros cunha traxectoria pública tan relevante como a do noso compañeiro José Luis Armada Castro, quen nos últimos 26 anos estivo na primeira liña política facendo gala dunha ética digna de eloxio, o que lle valeu o recoñecemento non só d@s seus compañeir@s -nomeándoo recentemente Presidente da Agrupación Local- senón tamén por parte da veciñanza. Conformamos pois un equipo de cariñeses e cariñesas cargados dunha sana ilusión polo noso partido, coa convicción de que podemos amosar á sociedade un sólido compromiso con ela, así como unha proximidade ás inquedanzas e problemáticas da cidadanía deste Concello.

A merma na calidade democrática, o paulatino deterioro dos servizos públicos, a incesante suba de taxas e, por riba de todo, un alto paro laboral son -entre outros- motivos de fonda preocupación que non podemos nin queremos eludir dende o PSdeG cariñés. Trasladando estas problemáticas ao noso eido territorial atopámonos coa particular interpretación do concepto de transparencia económica que manexa o equipo de goberno do BNG -sustentado na maioría das decisións polo PP local-, a desaparición da escola infantil, o deterioro de instalacións públicas (polideportivo, alumeado, traída de augas…), o sangrante incremento de tódalas taxas municipais, as escasas alternativas laborais dos -cada vez máis- veciños desempregados, etc…

A tarefa que nos marcamos é tan complexa como apaixoante, e non é outra que a de recuperar na medida do posible o benestar social perdido pola veciñanza cariñesa nos últimos tempos. Para iso necesitamos facer do noso un partido flexible e accesible para ti. Os que formamos parte deste pensamento estamos convencidos de que chegou, máis que nunca, o momento das persoas, polo que queremos recabar as inquedanzas da cidadanía, colaborar cos colectivos locais ou saber da situación real das nosas agrupacións culturais e sociais. Tamén pretendemos unha maior permeabilidade da nosa Agrupación, promovendo a implicación daqueles que sen formar parte da nosa organización se identifican cunha maneira plural de facer as cousas. Unicamente precisamos da súa motivación por facer do noso Concello un lugar mellor no que vivir.

E, por suposto, seguiremos celebrando eventos, xornadas, actos públicos ou debates que teñan como temática vertebradora as diferentes problemáticas sociais que nos atinxen como membros dunha sociedade dinámica, sostible e libre.

Por iso dende aquí convidámoste a achegarte a nós, a expoñernos sen cortapisas as túas opinións, propostas e mesmo críticas. Agardamos non defraudarte.

 

Un abrazo,

José Miguel Alonso Pumar

Secretario Xeral do PSdeG de Cariño

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.