Segue a loita contra a privatización do Souto de Leixa

Share Button

Como xa informamos en días pasados, a loita contra a privatización da sanidade que se libra en toda Galicia ten un destacado escenario na comarca de Ferrolterra, onde o persoal do centro Souto de Leixa, os usuarios e as súas familias manteñen unha intensa actividade reinvindicativa contra a privatización deste centro que atende a persoas adultas con discapacidade das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Onte, @s traballadores/as do centro foron desaloxad@s pola Policía Nacional do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, onde se concentraron para entregar 4000 novas sinaturas contra a privatización da xestión do centro e para solicitar unha reunión con algún responsable autonómico, que finalmente non se produxo.

A concentración discurríu nun ambiente pacífico e en torno ás dúas da tarde prodúxose o desaloxo por parte da policía, que tamén transcorreu sen incidentes. Por outro lado, as accións de protesta seguen a sumar adhesións e onte foi a comunidade educativa do Instituto de Ensino Secundario Leixa quen decidíu apoiar esta causa.

Dende aquí queremos transmitir, unha vez máis, o noso apoio e solidariedade a todo o persoal do centro e, sobre todo, ás persoas máis afectadas por esta política privatizadora da Xunta de Feijóo: @s usuari@s e as súas familias.

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.