Sen tempo para aburrirse: actividades en Cariño durante a Semana Santa

Share Button

altEstamos inmersos na Semana Santa e Cariño, un concello cun tecido social e asociativo dinámico como poucos, é un fervedoiro de actividade. Nesta entrada queremos lembrar as principais citas que terán lugar nos vindeiros días, nos que, certamente, non terás ocasión de aburrirte.

Seguindo unha orde cronolóxica, este xoves, 2 de abril, o noso candidato ás eleccións municipais, José Miguel Alonso Pumar, e outros membros da candidatura celebrarán unha charla-coloquio coa veciñanza da parroquia de Feás. A cita será ás seis da tarde no Local Social de Feás e, como sempre, estás convidad@ a asistir para aportar as túas ideas e suxerencias.

Ese mesmo día, xoves 2 de abril, da comezo un dos platos fortes destas datas. Excelentemente organizado polo Club Deportivo Cariño, entre o 2 e o 5 de abril celébrase o IX Torneo de Fútbol 8 C.D. Cariño, que abarca as categorías de Prebenxamíns, Benxamíns, Alevíns, Infantís e Femenino. A cita congregará a 1.024 xogadores/as que, acompañados de amig@s e familiares, sumarán un total dunhas 4.000 persoas, o que sen dúbida supón un aliciente para a economía local. Estamos seguros que o evento será todo un éxito e dende aquí queremos felicitar efusivamente ó C.D. Cariño polo excelente traballo que están a realizar.

O venres 3 de abril terá lugar o 5º Mercado de Oportunidades, no que un total de 14 comercios e establecementos locais ofrecerán os seus produtos. A cita será no Mercado Municipal entre as dez da mañá e as nove da noite.

O sábado 4 de abril chega o turno da música e a festa coa Foliada de Semana Santa organizada pola Agrupación Folclórica San Xiao do Trebo. A partir das nove da noite, novamente no Mercado Municipal, haberá actuacións da A.F. San Xiao do Trebo, O Son do Sor, Brisas da Croa, Andarivel e No Cómbaro. A prezos asequibles poderanse degustar tapas de fabas con xiba e lacón asado. A velada rematará cunha foliada libre.

Todas estas citas dos vindeiros días supoñen a continuación dunha axenda intensa que xa deu comezo o pasado sábado con varias actividades: unha interesante charla da médico de familia Mercedes Ferreira sobre o cancro, organizada pola dinámica xunta local da AECC; un concerto no Auditorio Municipal do músico Rodrigo Romaní; e a charla-coloquio que mantivemos coa veciñanza da parroquia de A Pedra para recoller as súas ideas e suxerencias.

Agardamos que desfrutes deste nutrido programa de actividades e aproveitamos para expresar o noso recoñecemento, unha vez máis, a tódalas persoas que co seu traballo e compromiso persoal o fan posible. Cariño vive momentos difíciles –sería absurdo negalo- pero abonda ver o empuxe da nosa xente para cerciorarse de que hai bos mimbres para reflotar a situación. Conseguirémolo. Que ninguén o dubide.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.