Sobre o peche da Oficina de Información Turística

Share Button

Outro asunto que está en relación co comentado na anterior entrada é a non apertura da Oficina de Información Turística que, como sabes, está situada nunha construcción de madeira nas inmediacións da zona portuaria.

Neste caso, temos a man as estatísticas do Concello de Cariño correspondentes ó ano 2008. Ese verán, un total de 3.720 visitantes pasaron pola Oficina de Turismo (1.148 en xullo e 2.572 en agosto). O máis importante, para o que aquí nos ocupa, é que o 84’2 % deses turistas (é dicir, un total de 3.133) visitaban Cariño por primeira vez. Cremos que é importante porque, cando alguén visita un lugar por primeira vez, a calidade da información que recibe condiciona o tempo de estancia e, polo tanto, o tipo de consumo que realiza. O goberno municipal cariñés ten a sorte de que ninguén vai a medir o impacto negativo que o peche da Oficina de Turismo ten sobre a economía cariñesa.

As políticas de austeridade son necesarias, pero deben practicarse con sentidiño. Con sectores como a pesca ou a construcción en momentos difíciles, e nun contexto de forte crise económica mundial, o turismo de calidade é -e pode ser aínda máis- un sector económico importante para Cariño. Unha Oficina de Turismo, aínda que sexa en horario reducido, é fundamental para este propósito. E negamos rotundamente que o Concello careza de marxe de actuación para ofrecer este servizo durante os meses de xullo e agosto. Ás veces o barato acaba saíndo ben caro.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.